Ir o contido principal

Debate sobre a riqueza lingüística no ensino, na Casa do Saber da USC en Lugo

Marta López, Carme Silva e Mario Outeiro, na presentación dos actos do Día Internacional da Lingua Materna
Marta López, Carme Silva e Mario Outeiro, na presentación dos actos do Día Internacional da Lingua Materna
María Xosé Rodríguez Valcárcel guiará unha táboa redonda organizada por 'Proxéctate en Galego' na que intervirán José María Álvarez, Modesto Rodríguez e Valentina Formoso

O colectivo universitario Proxéctate en Galego, un grupo aberto integrado por PDI, PAS e estudantes do campus de Lugo que como espazo aberto e foro de debate para conectar a USC coa sociedade en clave galega, súmase á celebración do Día Internacional da Lingua Materna, que se celebra o 21 de febreiro, coa organización dunha táboa redonda sobre a riqueza lingüística no ensino que se desenvolverá este sábado, a partir das 11.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

O Día Internacional da Lingua Materna foi declarado pola Unesco en 1999 para celebrar a defensa do idioma bengalí ante a opresión do goberno do antigo Paquistán Occidental, que no ano 1952 tratou de impoñer como lingua oficial o urdu, negando estatus de oficialidade ao bengalí, relatou Marta López Alonso, profesora da USC e integrante do grupo Proxéctate en Galego, na presentación desta sesión aberta ao público e organizada en colaboración coa USC e Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo. Negar a identidade lingüística e a singularidade cultural é unha forma de racismo contra a que loita a Unesco desde fai moitas décadas, lembrou López Alonso, quen indicou que o profesor da USC José María Álvarez Castro, autor de ‘As voltas coa diversidade cultural’, unha obra na que traduce ao galego as conferencias encargadas polo Unesco ao etnólogo Claude Levi-Strauss para traballar nun ideario antirracista, abordará na sesión do sábado a cuestión da riqueza lingüística desde unha perspectiva internacional. A profesora de Lingua e Literatura Galega no Centro de Ensino Permanente de Adultos de Lugo, María Xosé Rodríguez Valcárcel, que actuará como moderadora da sesión, reflexionará na súa intervención sobre os últimos datos sociolingüísticos fornecidos polo IGE e dos pasos atrás rexistrados no ámbito educativo nos últimos anos no que atinxe á presenza e á promoción do galego. Os profesores da USC Modesto Rodríguez Neira, que centrará a súa intervención nas experiencias e nos resultados dos sistemas de ensino multilingüe, e Valentina Formoso Gosende, que abordará a necesidade da normalización lingüística no ámbito educativo, serán os outros relatores convidados a participar na táboa redonda que se desenvolverá este sábado na Casa do Saber de Lugo. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, lembrou no acto de presentación desta actividade conmemorativa do Día Internacional da Lingua Materna o ofrecemento feito á Xunta por parte das tres universidades galegas para avaliar os resultados da aplicación do chamado decreto do plurilingüismo. Asemade, Silva comentou que o nomeamento como conselleiro de Cultura de Román Rodríguez abre unha vía cara a reconciliación e a recuperación do uso do galego nos ámbitos do ensino e da ciencia, xa que “se trata dunha persoa que fixo a súa tese de doutoramento en galego e que coñece por experiencia propia as potencialidades desta lingua tanto na docencia como na investigación”, dixo. O deputado delegado da Área de Cultura e Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, congratulouse da celebración do Día Internacional da Lingua Materna e mostrou o seu convencemento que o problema do uso e da normalización do galego debe atallarse desde o ensino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2015.