Debaten a contribución da imaxe funcional e molecular á decodificación do fenotipo e xenotipo tumoral

Investigadores e profesionais de servizos de radiodiagnose, medicina nuclear e radioterapia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) así como de centros do Instituto Catalán de Saúde serán os relatores do curso ‘ Imaxe funcional e molecular: decodificando o fenotipo e o xenotipo tumoral’. Entre os días 14 e 17 de xuño, celebrarase no Aulario de Medicina do CHUS cunha carga lectiva de 31 horas.
A charla maxistral inaugural pronunciaraa o director da Unidade Mixta de Patoloxía Molecular CIPF/UCV de Valencia, Jerónimo Fortela Vila, co título ‘Proxecto Multidisciplinar dun Área do Cancro: camiñando xuntos’. Os preto de trinta relatorios programados están asociados a catro bloque temáticos nos que se tratarán ‘O porqué e o para qué da imaxe oncolóxica’, as técnicas de imaxe funcional e molecular e a súa correlación cos principais ‘hallmarks’ tumorais, os distintos tipos tumorais, así como as últimas novidades en terapéutica guiada pola imaxe en oncoloxía.
Matrícula
A matrícula tanto neste curso como nos restantes que iniciarán a súa programación a partir do próximo 6 de xuño xa se pode formalizar tanto a través da web como de xeito presencial e estenderase ata aproximadamente dez días antes antes do inicio do curso en cuestión.
Sempre e cando se asista ao 80% das horas lectivas, as persoas inscritas recibirán un diploma acreditativo da súa participación. A USC recoñece os cursos de verán 2016 a efectos de créditos para o estudantado: dous créditos para cada curso de 25 ou máis horas e un crédito polos de menos de 25 horas (en todo caso, ata un máximo de seis créditos en total).
A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de máis carga lectiva e de 70 para os de menos de 25 horas. Ademais, existe unha taxa reducida (de 70 e 40 euros, respectivamente) aplicable a alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, persoas en situación de desemprego, socios/as da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e PDI e PAS da USC.