A nova decana de Bioloxía márcase como retos a excelencia na docencia, a potenciación da faceta investigadora e a mellora das instalacións da facultade
Culminar a implantación do novo plan de estudios adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior, a finalización das obras de reforma da facultade e potenciar a actividade investigadora e a excelencia da docencia. Estas son as liñas básicas de actuación sobre as que xirará o traballo do novo equipo de goberno da Facultade de Bioloxía, cuxa decana María Luz González Caamaño tomou posesión hoxe do seu cargo. O acto celebrado este mércores no Salón de Graos do Colexio San Xerome estivo presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares. Caamaño, profesora titular de Biotecnoloxía Vexetal dende 1987 e vicedecana entre 2002 e 2010, sinalou que o seu primeiro obxectivo será finalizar con éxito a implantación dos tres últimos cursos do grao, dentro do proceso de adaptación do plan de estudios ao Espazo Europeo de Educación Superior. Así mesmo, expuxo a súa intención de crear os másteres necesarios para completar a ensinanza en bioloxía e cubrir as necesidades que a sociedade demanda, á vez que se afianza os que xa están implantados. Mellorar a calidade da docencia é outros dos retos aos que se enfronta o novo equipo de goberno da Facultade de Bioloxía, que se completa cos profesores Javier Iglesias Piñeiro e María del Carmen Monterroso Martínez, como vicedecanos, e Miguel Ángel Rodríguez como secretario. “De nós depende conseguir una distinción indiscutible de calidade da ensinanza tanto en grao como en estudios de posgrao” resaltou a nova decana de Bioloxía ante o seu equipo. O centro compostelán ocupa o sétimo posto no ranking de investigación das facultades de bioloxía de España. Neste eido, vaise a retomar o programa ‘Investigación nas Aulas’, que divulga os traballos docentes realizados tanto na facultade compostelá e como noutros centros de investigación. De feito, está previsto que o vindeiro curso se organice a quinta edición desta actividade e se leven a cabo novas accións de divulgación como exposicións e concursos. Para acadar todos estes obxectivos será fundamental o remate das obras de reforma da facultade, outro dos retos formulados pola nova decana. O edificio, que acolle instalacións investigadoras, docentes e de xestión, estase a someter a unha mellora integral, que se espera estea rematada en menos de dous anos, segundo anunciou María Luz González na súa toma de posesión. Coa finalización da segunda fase de reforma espérase, así mesmo, resolver problemas de infraestruturas e espazo mediante a creación e posta en marcha de novas salas de seminarios, laboratorios de prácticas e a aula de videoconferencia. Financiamento A nova decana de Bioloxía da USC tamén quixo resaltar a situación económica que vive a ensinanza universitaria no contexto da crise económica mundial. “A nosa universidade ten un grave problema económico derivado, en parte, da propia crise, dun financiamento insuficiente e do enorme gasto contraído na construción de centros de investigación” sinalou González Caamaño. A responsable da facultade compostelá indicou que “a docencia necesita persoal formado e non é admisible o denominado custe cero, co que se pretende que, con menos recursos e menos investimento, se mellore a calidade da ensinanza”. Nesta liña, demandou a remodelación do actual sistema de financiamento, externo e interno, racionalizando a inversión e optimizando recursos. A excelencia, en opinión de González Caamaño, debe gañarse “asumindo riscos”, porque “ unha mala etapa na ensinanza tradúcese na falta de futuro de moitos estudantes”. Un asunto, este último, primordial, posto que a Facultade de Bioloxía recibe cada ano 160 novos alumnos no grao.
O reitor Juan Casares, coincidiu coa decana, na “difícil situación” que atravesa a universidade polo contexto económico mundial, e tras a aprobación do novo plan de financiamento “de recursos escasos” emprazou a toda comunidade universitaria a traballar “unidos” para superala. Casares Long insistiu na necesidade da formación de profesionais capacitados a través dos centros docentes do campus compostelá, xa que a “solución a crise pasa pola universidade”.
O acto protocolario de toma de posesión celebrouse, como vén sendo habitual no Salón de Graos de San Xerome