Dereito acollerá este xoves as II Xornadas sobre Propiedade Industrial
As II Xornadas sobre Propiedade Industrial celebraranse este xoves 4 na Facultade de Dereito organizadas polo Instituto de Dereito Industrial da USC (IDIUS) co apoio da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM). O reitor Juan Casares presidirá a inauguración no Salón de Graos do centro a partir das 9:00 horas nun acto no que estará acompañado polo director da OEPM, Alberto Casado; o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez Macho; o director do IDIUS, Ángel Fernández-Albor; e o codirector das xornadas, Ángel García Vidal. Esta xornada científica e de divulgación reunirá a un destacado grupo de expertos nacionais e internacionais procedentes das universidades de Pais Vasco, Oviedo, Zaragoza, Carlos III de Madrid, da propia USC así como do Instituto Max-Plank de Múnic. A dirección do encontro recaeu nesta ocasión nos profesores Ángel García Vidal, María del Mar Maroño e Javier Framiñán. IDIUS O IDIUS é un centro propio da USC dedicado á investigación da competencia económica, a propiedade industrial e a propiedade intelectual. Aínda que os investigadores deste centro proceden maioritariamente da USC, tamén o integran outros procedentes das universidades de Vigo, A Coruña, Complutense de Madrid ou Alcalá de Henares entre outras. Trátase dun dos equipos investigadores máis activos da Facultade de Dereito e con maior impacto científico de España, Europa e América.