Derradeiro concerto do curso da Orquestra do Espazo de Cámara da USC

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC ofrecerá este martes 21 o seu derradeiro concerto do curso 2015-2016. Será ás 20:00 horas na Igrexa da Universidade cando alumnado e profesorado interpreten un fermoso programa composto pola Petit Symphonie de Charles Gounod, a Suite St. Paul de Gustav Holst, a Sinfonía ‘Innacabada’ de Schubert e unha selección das Danzas Húngaras de Brahms.
O concerto interpretarano, baixo a dirección de Mario Diz, o alumnado do Espazo de Cámara acompañados dos profesores violinistas Roberto Santamarina e Antía García, do violoncelista Guillermo Alzugaray, Iago Lariño á frauta e Victor Collazo no trombón.