Ir o contido principal

Os desafíos da propiedade e do uso da terra en Galicia, a debate nun curso de verán da USC no Ibader

Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC
Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC

Difundir cales teñen sido as principais direccións de cambio de uso na paisaxe de Galicia ao longo das últimas décadas, reflexionar sobre o baixo desempeño ou nivel de aplicación que habitualmente teñen os instrumentos legais e tecnolóxicos creados para a xestión territorial en Galicia e dar a coñecer algunhas das experiencias de máis éxito da sociedade civil, que se organiza para mellorar a xestión territorial son algúns dos cometidos que busca o curso de verán ‘Que facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galicia’, un programa da Universidade de Verán 2015 da USC que se desenvolverá do 1 ao 4 de setembro no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do campus de Lugo. O prazo de inscricón remata o 21 de agosto.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, abrirá a quenda de intervencións deste curso de verán dirixido polo coordinador do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC, cun relatorio baixo o título ‘Qué facer coa terra que temos?’. Propiedade, cambio demográfico e transformación da paisaxe, mercado de terras en Galicia, asociación entre compra e venda e cambios de uso das terras, a demanda insatisfeita de terra das explotacións agrarias, ordenamento territorial, uso e propiedade da terra, xestión paisaxística e xestión urbanística completan o amplo abano de temas que abordarán os diferentes relatores convidados no marco deste seminario estival da USC, un curso estruturado en 24 horas lectivas e que completa as exposicións teóricas coa presentación e debate de casos prácticos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2015.