O director portugués Luís Filipe Rocha presenta en Maxisterio o seu último filme como parte dos 'Encontros coa Lusofonía'
O director de cine portugués Luís Filipe Rocha presenta este xoves en Lugo a súa última película, ‘A outra marxe’, nunha xornada organizada pola Vicerreitoría de Cultura da USC, o Instituto Camoes de Portugal e os departamentos de portugués das escolas oficiais de idiomas de Galicia.
Esta presentación, que se engloba dentro das actuacións organizadas pola USC dentro dos Encontros coa Lusofonía, terá lugar na Escola Universitaria de Formación do Profesorado ás 18:00 horas, aproveitando a xira que está a realizar o director por toda Galicia.
Esta película foi galardoada co Premio Especial do Xurado no Festival de Cinema de Guadalaxara, o máis recoñecido festival de América Latina. O filme está protagonizado por Filipe Duarte, Maria d’Aires e Tomás Almeida. O seu fío argumental é a reconstrucción da vida dun travesti (Ricardo) tras unha tentativa de suicidio fracasada. Tras mudarase á casa da súa irmá, Ricardo desenvolverá unha relación moi próxima co seu sobriño, que padece o síndrome de Down e que mantén unha dura loita para chegar a ser actor. Un forte vínculo revelará unha relación entre dúas persoas que, por motivos distintos, créense ao marxe da sociedade.
Luís Filipe Rocha leva dirixindo películas dende os anos setenta e na súa filmografía destacan títulos como ‘Sinais de fogo’, ‘Adeus pai’ ou ‘A passagem da Noite’. Nos seus filmes invita sempre ao espectador a coñecer a distintos personaxes que están “fóra da normalidade”.
Este director e realizador de preto de 11 obras, estará tamén o venres 25, ás 11:00 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación para presentar o seu filme en Santiago de Compostela. No acto estará acompañado polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o director do Departamento de Comunicación, Xosé Soengas Pérez e do secretario da AGACOM, Francisco Campos.