A directora xeral da Unesco Irina Bokova imparte unha conferencia na USC

A directora xeral da Unesco, Irina Bokova, pronunciará o vindeiro xoves 9 a partir das 19:00 horas unha conferencia no Salón Nobre do Colexio de Fonseca da USC no que disertará sobre o papel da Unesco na construción da paz. Trátase do acto co que se inaugura a programación de actividades da Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC. Con anterioridade a esta intervención, ás 18:30 horas, Bokova asinará no libro de Honra da USC nun acto no que a acompañará o reitor compostelán Juan Casares. Creada en abril de 2010, a Cátedra de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC ten por misión promover un sistema integral de actividades de investigación, formación, información e documentación orientadas ao dominio da cultura de paz e dos dereitos humanos. A Cátedra constitúe un instrumento para facilitar a colaboración entre investigadores de proxección internacional, docentes universitarios e doutras institucións así como outros Departamentos Unesco. A conferencia de Irina Bokova enmárcase ademais no abano de actividades do Foro 2010 inaugurada a pasada semana no Paraninfo da Universidade da USC e que no se inclúen congresos académicos, xuntanzas de alto nivel de Nacións Unidas e actividades artísticas e culturais. Todo elo ata o 30 de decembro deste ano promovido orixinalmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz e pola Fundación Cultura de Paz e que conta, desde o seu inicio, co apoio de distintas organizacións e institucións, entre elas a Universidade de Santiago que servirá de acubillo á maior parte dos encontros. Outras citas Tamén no marco deste foro global se desenvolverá o Congreso Internacional sobre Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz, organizado polo grupo de investigación ’Nomes, voces’ do 13 ao 15 de decembro de 2010 na USC.
Outras citas sinaladas serían o Congreso Internacional sobre Información e Dereitos Humanos do 7 ao 8 de decembro; o Congreso Internacional sobre o Dereito Humano á Paz, do 9 ao 10; ou o Foro Mundial de Educación Temático sobre ‘Educación, Investigación e Cultura de Paz’, do 10 ao 13.