Ir o contido principal

Docentes da USC participan no Proxecto Terra, recoñecido co Premio Nacional de Urbanismo

A iniciativa do COAG, na que colaboran tres profesores, ten unha finalidade educativa en relación á arquitectura e o urbanismo galegos

Tres docentes da USC participan no Proxecto Terra, recentemente recoñecido co Premio Nacional de Urbanismo concedido polo Ministerio de Fomento. Neste proxecto educativo, promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e posto en marcha no ano 2000, desenvolven un importante traballo dende distintas áreas, os profesores María José Piñeira Mantiñán, Ramón López Facal e Xesús Rodríguez Rodríguez.

O Proxecto Terra O Proxecto Terra está pensado para achegar a arquitectura, o urbanismo e o desenvolvemento territorial galego ao público infantil e xuvenil. A iniciativa baséase na elaboración e achegamento de materiais aos alumnos e mestres dos centros de educación infantil, primaria e secundaria da comunidade. O deseño de libros de texto, cadernos de exercicios, material audiovisual e incluso cómics complétase con diversas actividades consistentes en visitas guiadas e intercambios territoriais. Iniciativas encamiñadas na súa totalidade ao coñecemento directo por parte do alumnado das distintas construcións existentes en Galicia tanto nos núcleos rurais coma urbanos e da súa evolución ao longo do tempo. O Ministerio de Fomento valorou neste caso o uso da educación obrigatoria como “recurso imprescindible para o cambio cara un modelo de desenvolvemento sostible do territorio e da arquitectura” impulsado dende un colectivo profesional como son os arquitectos galegos, que contaron co apoio dos docentes universitarios para a elaboración e introdución do material nos centros. Dende o COAG recoñeceron a grande acollida que están a ter estes materiais, fundamentalmente entre o profesorado da educación primaria, e agradeceron a contribución que ao respecto levaron a cabo os docentes da USC na tarefa de elaboración e difusión. O Proxecto Terra está coordinado por Xosé Manuel Rosales, e o xurado do premio estivo composto por representantes da FEMP, do COAG e do Instituto Pascual Madoz de Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente da Universidade Carlos III de Madrid. Xunto ao Premio Nacional de Urbanismo, concedéronse os de Vivenda e Arquitectura, que recaeron no Padroado Municipal de Vivenda de Barcelona e no arquitecto catalán Luís Clotet respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.01.2011.