Ir o contido principal

Dúas alumnas de Enxeñaría Química gañan o certame de ensaios da Society of Women Engineers

As alumnas participaron certame organizado co gallo do evento anual da SWE en Barcelona
As alumnas participaron no certame organizado co gallo do evento anual da SWE en Barcelona
O texto de Carmen López constitúe unha revisión dos ODS, mentres que Andrea Rojas reflexionou sobre a posibilidade dun planeta máis verde e sustentable
Santiago de Compostela

As alumnas do grao en Enxeñaría Química da USC, Carmen López e Andrea Rojas, acaban de proclamarse vencedoras do certame de ensaios que impulsa a Society of Women Engineers (SWE). Carmen López é autora dun texto no que fai revisión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), mentres que Andrea Rojas titulou o seu ensaio ‘Por un planeta máis verde e sustentable’.

As estudantes participaron neste certame organizado co gallo do evento anual da SWE en España que se desenvolveu no World Trade Center de Barcelona. Coa intención de dar a coñecer as asociacións de mulleres STEM que operan en España, esta iniciativa mostra as diferentes saídas profesionais das empresas, especialmente as das estudantes STEM do último ano, e serve de marco para comunicar como as empresas españolas están a contribuír a un mundo máis sostible, alén do papel das mulleres que impulsan estes programas dende a industria. Finalmente, o evento quixo outorgar visibilidade a como superar os prexuízos relacionados coa dislexia, así como falar sobre os avances técnicos dispoñibles para que as empresas axuden os empregados/as disléxicos/as.

Mulleres STEM

"Debido ao apoio que recibín, dinme conta do indispensable que é ter a alguén que crea en nós. Por iso decidín ser profesora de clases particulares de matemáticas e química de dúas mozas. Sinto que, ademais de facilitarlles o entendemento do temario, pódolles transmitir a miña paixón polas ciencias e así animalas a continuar o seu camiño neste ámbito", explicou a pontevedresa Carmen López, alumna de primeiro de Enxeñaría Química, ao explicar como transmite a súa paixón polas disciplinas STEM.

Pola súa parte, a ourensá Andrea Rojas, alumna de cuarto, subliña que “a curiosidade por entender como funcionaba o mundo levoume a escoller a miña carreira, que comprende dende as matemáticas á química, dende a física á termodinámica. Dende que era pequena estiven constantemente tentando ver como todo o que estudaba se entrelazaba”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2022.