Ir o contido principal

Economistas reclaman a integración da ciencia económica na toma de decisións sobre o sector pesqueiro

Imaxe de arquivo dun porto galego. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun porto galego. FOTO: Santi Alvite
O profesor da USC, Sebastián Villasante, é un dos autores do texto que se enmarca na actividade do Grupo de Traballo en Economía do Consello Internacional para a Exploración do Mar
Santiago de Compostela

Preto de corenta especialistas en Economía Pesqueira acaban de realizar unha exhaustiva revisión dos traballos publicados arredor da xestión dos recursos e as políticas que regulan o sector pesqueiro. “O planeta atópase nun momento crucial para garantir a sustentabilidade das pesquerías que alimentan a miles de millóns de persoas”, apunta o profesor da USC Sebastián Villasante, un dos asinantes do artigo que acaba de ver a luz en ICES Journal of Marine Science e no que se avalían os antecedentes, as necesidades actuais e as oportunidades de futuro. Villasante é membro do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).

A devandita revisión forma parte da actividade que está a desenvolver o grupo de traballo de Economía do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES). Este equipo, de recente creación, afronta o reto de mostrar como se pode incorporar a investigación económica ao coñecemento científico xerado por este organismo. Deste xeito, o grupo achegará perspectivas integradas sobre os sistemas de pesca, que poden orientar o desenvolvemento de políticas e a toma de decisións de xestión para o uso sostible dos recursos mariños.

No texto, os e as asinantes explican que "aínda que a ciencia que guía a xestión pesqueira estivo en xeral dominada polas ciencias naturais, cada vez se recoñece máis que a xestión pesqueira significa esencialmente a xestión dos sistemas económicos". Entre outros achados, a revisión "amosa claramente que a investigación económica pode facer importantes contribucións á ciencia e ao asesoramento do ICES, en liña cos obxectivos destacados no plan estratéxico da organización".

Deste xeito, o texto destaca “as contribucións que a ciencia económica fixo á mellora das políticas pesqueiras nas últimas décadas, grazas ao desenvolvemento da investigación empírica e á obtención de series de datos máis precisas e robustas”, desenvolvendo modelos e métodos bioeconómicos que melloraron estas políticas. Ademais, sinalan, “quedou patente a necesidade de ter en conta obxectivos económicos, ecolóxicos e sociais na xestión da pesca para a sustentabilidade, como parte da xestión ecosistémica”.

Entre outros exemplos, destacan que "a maior dispoñibilidade de datos sobre custos e ingresos relacionados coas operacións pesqueiras en todas as rexións do ICES contribuíu a lograr importantes avances neste sentido", ou "a incorporación de indicadores e análises económicos na elaboración de valoracións da situación socioecolóxica, como as Perspectivas Xerais do Ecosistema, Pesca e Acuicultura do ICES”.

Folla de ruta

A revisión deste grupo de traballo tamén fai recomendacións para o futuro. Así, o texto aconsella que a actividade debe centrarse en demostrar como "as investigacións, métodos, ferramentas e datos económicos relevantes poden incluírse no asesoramento sobre xestión pesqueira".

Polo tanto, un reto clave para seguir desenvolvendo as contribucións económicas á ciencia e á toma de decisión na xestión pesqueira segue sendo a capacidade de apoiar a participación efectiva dos economistas, incluídos os que están a iniciar a súa carreira, no traballo de investigación habitual de organizacións como o ICES. Ademais, engaden, “a participación de economistas en grupos de colaboración que apoien os procesos de asesoramento e toma de decisións a múltiples escalas tamén pode ser unha característica clave que podería axudar a integrar a economía nestes procesos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2023.