Ir o contido principal

A nova edición do Máster en Atención Temperá formará a profesionais en educación para nenos con enfermidades raras

Con case dúas décadas de historia, o posgrao bota a andar o 26 de outubro dirixido a profesionais do ámbito psicolóxico, sanitario ou educativo

A nova edición do Máster de Intervención nos Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá organizado polo Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC botará a andar o vindeiro 26 de outubro coa intención de ofrecer unha formación especializada na atención e avaliación dos diferentes trastornos dos nenos e nenas, facendo este ano especial fincapé nas enfermidades raras e nos trastornos do desenvolvemento Trátase dunha edición totalmente renovada do tradicional Máster en Intervención nos Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá da Facultade de Psicoloxía que o ano pasado pasou a denominarse de Avaliación e Intervención en Atención Temperá. Nesa edición participaron, entre outros, o catedrático de Pediatría José María Martinón, o pediatra Antonio Rodríguez, o doutor Xesús Eirís e o doutor Manuel Posadas, do Instituto de Investigación en Enfermidades Raras (IIER). Materias xurídicas O posgrao que dirixe a profesora María José Buceta incidirá este ano en materias que axuden a aprender técnicas de intervención en menores con trastornos físicos ou mentais (como síndrome de Down, autismo ou algún síndrome minoritario ou enfermidade rara) así como materias xurídicas para coñecer o papel deses menores no Dereito Civil, materia que impartirá a doutora Inmaculada García Presas, da Universidade de A Coruña. Os profesionais aprenderán tamén técnicas de educación para a morte en oncoloxía infantil e analizarán como tratar situacións de acoso escolar ou maltrato infantil. O Máster en Avaliación e Intervención en Atención Temperá -que vai solicitar o certificado de interese sanitario- está destinado a psicólogos, psicopedagogos, pedagogos, médicos, traballadores sociais, logopedas, fisioterapeutas, mestres especializados en audición e linguaxe e en educación infantil, así como enfermeiros. O equipo docente está composto por docentes especializados en medicina forense, neuropediatría, medicina preventiva, dereito, paidosiquiatría, pedagoxía, xinecoloxia, xenética, psicoloxía e pediatría, entre outras disciplinas. Na docencia, semipresencial, combinarase tanto a exposición teórica como a presentación de casos e discusión sobre eles. Ademais, o alumnado realizará prácticas en centros específicos de atención temperá como na Unidade de Atención Temperá da USC, o Sergas, concellos, escolas infantís, en mancomunidades e en diversos hospitais nacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2012.