Ir o contido principal

Eladio Rigueira Sobrado, propietario de Queixería Casa Macán, gaña o VIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O premiado recibirá en xaneiro o diploma de mérito e os 10.000 euros cos que está dotado o galardón

Eladio Rigueira Sobrado, propietario da empresa Queixería Casa Macán, vén de gañar o VIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promove a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo empresarial Aresa. O galardón, dotado cun diploma de mérito e 10.000 euros, será entregado en Lugo o vindeiro 18 de xaneiro.
O premio recoñece o traballo desenvolvido por este mozo da comarca de Taboada, concretamente da localidade de Seixo, Piñeira, que se fixo cargo da explotación familiar no ano 1998 e realizou un ambicioso proxecto de ampliación de cabezas de gando, cota láctea e modernización das instalacións. De feito, no ano do comezo da súa traxectoria contaba con 20 vacas e na actualidade xa ten 300 animais, aos que hai que engadir unha granxa de patos posta en marcha en 2001 e unha queixería en 2003.
Eladio Rigueira Sobrado, enxeñeiro técnico Industrial, apostou durante estes nove anos pola modernización das instalacións para o que foi necesario un forte investimento, entre o que figura un robot de muxidura, o primeiro que se implantou en Galicia, ademais da máis alta tecnoloxía para a fabricación do queixo, respectando sempre a produción seguindo o método tradicional dentro da Denominación de Orixe Queixo Arzúa-Ulloa e da protexida de Tetilla, ás que pertence.
O seu proceso de crecemento estivo avalado por varios premios concedidos pola Asociación de Frisona Española e a súa homóloga galega, ademais de ser galardoado na cuarta edición dos Premios Agrarios de Galicia 2005 polo seu esforzo a favor do avance do medio rural e de Galicia no seu conxunto, e obter o segundo premio polo seu queixo con D.O. Arzúa-Ulloa na IX Cata dos Queixos de Galicia. Dende o ano 2000 as tres vertentes do negocio foron ampliadas en varias ocasións para facer fronte á demanda, co conseguinte aumento da man de obra.
No apartado de comercialización, o queixo véndese co nome ‘Casa Macán’ e distribúese por Galicia e arredores. Dende 2003, a maior parte da produción véndese no noroeste de España nas tendas de Mercadona, pero coa súa recente ampliación, a intención é estenderse ao resto do país. Ademais, exporta Tetilla para Estados Unidos mediante Mantequerías Arias. A súa produción de patos distribúese a través da empresa Coren.
Cando rematen as súas ampliacións, Casa Macán vaise converter na fábrica de queixos con máis capacidade produtiva de Galicia (120.000 litros diarios), tecnolóxicamente máis moderna e por suposto a máis grande das dúas denominacións de orixe que oferta.
No seu afán de I+D e de sacar novos produtos, a principios de 2008 Casa Macán lanzará ao mercado a crema de queixo Arzúa-Ulloa. Este proxecto conta coa colaboración da Dirección Xeral de Investigación e Formación Agroforestal e coa Aula de Produtos Lácteos da USC.
XuradoO xurado desta edición estivo composto polos tres membros habituais, o reitor da USC, Senén Barro; o vicerreitor de Lugo, Carlos Herrero, e o presidente do grupo empresarial lucense que da nome ao galardón, Álvaro Rodríguez Eiras. A eles sumáronse este ano o reitor da Universidade de Salamanca, José Ramón Alonso Peña, e o catedrático de Endocrinoloxía e Nutrición da Facultade de Medicina da Complutense de Madrid Aniceto Charro Salgado. Este especialista será o encargado de pronunciar a conferencia na entrega do premio, que terá lugar o día 18 de xaneiro. O relatorio terá o título “La dieta atlántica en la salud y la enfermedad”.
Con esta distinción que se concede hoxe cúmprese o obxectivo do Premio Aresa de recoñecer e incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida, o benestar das persoas que traballan no medio rural galego e o desenvolvemento da economía rural galega.
As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron grande interese entre a comunidade científica galega e o empresariado. O presidente da corporación lucense, Álvaro Rodríguez Eiras, decidiu que o que nacera como actuación única de mecenado se convertise nunha convocatoria de periodicidade anual. O galardón recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres no 2001 foi recoñecido o investigador Xavier Guitián Rivera, por un estudo multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira ocasión, foi para Aula de Produtos Lácteos, centro de investigacións integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias, da Universidade de Santiago. A cuarta convocatoria foi parar a Xosé Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura na Comisión Europea, sendo no quinto o galardón para Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O premio do ano 2006 correspondeulle ao programa O Agro-Labranza, da Televisión de Galicia, e o do 2007 foi para o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2007.