Ir o contido principal

O emprendemento en feminino, común denominador do II Emporium Woman Emprende e o X Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario

Laura Seara, Juan Casares, Marta González e José Manuel Moreno
Laura Seara, Juan Casares, Marta González e José Manuel Moreno
Ambas citas inauguráronse este xoves 18 no edificio Emprendia, onde se celebran ata o venres 19

O II Emporium Woman Emprende e o X Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario estanse a celebrar de xeito conxunto no Edificio Emprendia da USC onde o reitor compostelán Juan Casares presidiu este xoves 18 o acto inaugural do encontro, nunha sesión na que tamén estiveron presentes a directora xeral do Instituto da Muller, Laura Seara; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Marta González; e o director-coordinador da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno Alegre. Co emprendemento en feminino como argumento común, estes dous encontros danse a man nesta ocasión co obxectivo de debater sobre a posta en valor dos resultados de investigación e a súa transferencia mediante a creación de spin-off académicos, achegando desta volta a perspectiva do xénero e o seu valor engadido. No desenvolvemento desta actividade conxunta citaranse en Santiago os principais programas e expertos sobre a temática. O fío condutor será a busca de espazos de colaboración e a creación de redes, servindo para fortalecer as diferentes iniciativas de éxito que se desenvolveron en todo o programa de emprendemento amparado pola USC. Así, no programa quedarán representados temas como o liderado feminino na gran empresa ou a valorización de resultados na investigación a partir de casos como o novísimo ‘Yissum,’ implementado en Xerusalén ou o consolidado modelo ‘Isis’ da Universidade de Oxford. Ademais falarase sobre o financiamento dirixido a cada unha das diferentes fases polas que discorre o proceso de creación de empresas de base tecnolóxica universitaria, compartindo novas ferramentas no ámbito mundial relacionadas coas redes de inversión e cos novos fondos de capital risco. O programa rematará cunha reflexión sobre a necesidade de incorporar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo como unha das liñas de traballo para buscar posibles alternativas á crise da sociedade actual. Así intercambiaranse enfoques sobre a cultura emprendedora universitaria, profundarase na importancia do apoio á creación de empresas en áreas de humanidades e ciencias sociais, subliñando o éxito español colectado na área bio. Programa A xornada do xoves 18 está dedicada ás redes de emprendemento feminino, comezando o programa cunha mesa de debate sobre ‘Redes colaborativas: a chave do éxito nos programas de emprendemento universitario’ na que interviñeron o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández, e María Ortís Fernández e María Vázquez, do Parc da Universidade Politécnica de Cataluña e do Instituto IDEAS da Politécnica de Valencia, respectivamente. Logo do acto de inauguración, a conselleira delegada da spin-off xurdida na USC Nanogap, Tatiana López del Río, presentou o catálogo Muller Universitaria Emprendedora. Para pechar a xornada matinal a presidenta da Asociación Española da Economía Dixital (ADIGITAL), Elena Gómez del Pozuelo, reflexionou sobre as particularidades da relación entre muller e empresa. Valoración dos resultados de investigación é o bloque temático que abre a sesión da tarde, a partir das 16:30 horas, comezando coa presentación do Modelo Isis de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford a cargo do seu director administrativo Tom Hockaday. A partir das 17:00 horas, a vicepresidenta de colaboracións científicas de Yissum Research Development Company, Elena Canetti, trata a ‘Transferencia de Tecnoloxía da Academia á industria: casos e solucións’. Para rematar esta primeira xornada o director xeral de Genoma España, Rafael Camacho, pronuncia o relatorio ‘Investir en proxectos de innovación’. Na xornada do venres, as distintas intervencións programadas terán como común denominador o tema ‘Cultura emprendedora: unha nova universidade para unha nova economía’. Ambas citas celébranse no edificio Emprendia da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2010.