Ir o contido principal

Encontro das catedras Unesco de Cultura de Paz, Dereitos Humanos, Democracia, Cidadanía, Xénero, Interculturalidade e Migracións de España

O encontro de Cátedras Unesco inaugurouse na Facultade de Filosofía
O encontro de Cátedras Unesco inaugurouse na Facultade de Filosofía
Inaugurouno o reitor na Facultade Filosofía da USC

As cátedras Unesco de Cultura de Paz, Dereitos Humanos, Democracia, Cidadanía, Xénero, Interculturalidade e Migracións de España participan nun encontro para o intercambio de experiencias que se inaugurou este venres na Universidade de Santiago de Compostela, concretamente na Facultade de Filosofía, e que rematará o sábado 28. O acto de inauguración, presidido polo reitor Juan Casares Long, contou coa participación do presidente da Fundación Cultura de Paz e ex director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza; a directora do Departamento de Dereitos Humanos da Unesco, Angela Melo; a secretaria xeral da Comisión Española de Cooperación coa Unesco, Consuelo Vázquez, e a concelleira Guadalupe Rodríguez. O acto comezou coa actuación do grupo musical do IES Antón Fraguas que interpretou “Quen puidera namorala” e escenificando “Os Maios”. A actuación foi presentada pola alumna de 2º de ESO Paula Botana e nela actuou de “Maia” outra alumna do mesmo centro, Mª del Pilar Caruncho. O grupo quixo facer unha homenaxe aos Maios, de tradición en Galicia, como un saúdo de benvida á primavera. Despediu o acto musical Carlos Porto despois de que a súa compañeira de colexio, Andrea Diéguez recitara un poema da súa autoría, no que denuncia a frecuente transgresión dos dereitos da infancia. Ao longo da xornada abriuse unha quenda para a presentación de todas as cátedras participantes, entre as que se atopan as de Interculturalidade e Dereitos Humanos da Universidades Internacional de Andalucía; a de Mulleres, Desenvolvemento e Cultura de Vic; a de Estudos Interculturais da Pompeu Fabra; de Cidadanía Democrática e Liberdade Cultural da Rioxa; de Políticas de Xénero e de Igualdade de Dereitos entre Homes e Mulleres da Autónoma de Madrid; de Cidadanía, Convivencia e Pluralisma da Pública de Navarra; e de Filosofía Per la Pau da Jaume I de Castelló. Representando á USC acoden a de Migracións e a de Cultura de Paz e Dereitos Humanos. Pola tarde debaten sobre os acordos e conclusións da reunión de Cátedras Unesco celebrada en Bérgamo (Italia) e na xornada do sábado analizaranse posibles vías de colaboración entre as cátedras participantes. Promovida polo Seminario Galego de Educación para a Paz, a Fundación Cultura de Paz, a UNESCO, UNESCO Etxea e a Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, o encontro permitirá o intercambio de experiencias e a análise de posibilidades para posible acordos de colaboración que posibiliten os intercambios de profesorado e alumnado dos diferentes másteres que desenvolvan as cátedras implicadas. O coñecemento mutuo e o establecemento de redes de coñecementos son outros obxectivos perseguidos con esta iniciativa. O reitor da USC recibiu no seu despacho aos participantes no Encontro de Cádetras Unesco

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2011.