Ir o contido principal

O I ‘Encontro galego de nov@s pensador@s’ debate estratexias de visibilización das culturas minorizadas

O I ‘Encontro galego de nov@s pensador@s’ debate estratexias de visibilización das culturas minorizadas
O I ‘Encontro galego de nov@s pensador@s’ debate estratexias de visibilización das culturas minorizadas

O primeiro ‘ Encontro galego de nov@s pensadores’ celebrarase a vindeira semana na Facultade de Filosofía co obxecto de pensar qué tácticas de resistencia cultural poden poñer en marcha aqueles grupos e culturas minorizadas para resistir a unha situación de colonización cultural e loitar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos. Entre os días 6 e 8, este congreso está aberto a calquera novo/a pensador/a non só do ámbito da filosofía, senón de calquera ámbito das ciencias humanas e sociais baixo o lema ‘Estratexias de visibilización das culturas minorizadas’.

Partindo da situación da filosofía desenvolverase unha reflexión máis xeral sobre que significa e como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes. As cuestións que se porán sobre a mesa deberán iniciar un debate que, partindo da discusión técnica acerca da filosofía como ámbito do saber específico, permita pensar as problemáticas ás que se enfrontan toda cultura e todo grupo social minorizados.

No Salón de Actos da Facultade de Filosofía a inauguración do encontro celebrarase ás 9.30 horas dando paso ás 10.00 horas á conferencia inaugural que pronunciará Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, coa intervención ‘O celtismo, entre políticas de identidade e prácticas da cultura’. Deseguido comezará un obradoiro dedicado a ‘Filosofía dentro e fóra da institución’ para a presentación de proxectos autónomos de pensamento en galego. O conxunto de relatorios deste tres días de congresos organízanse arredor de sete mesas redondas temáticas que abordan cuestións relacionadas coa comunidade, periferia, colonialismo cultural, empoderamento, subalternidade, minoría e precariedade.

O primeiro Encontro Galego de nov@s pensador@s’ está organizado polo proxecto europeo CampUSCulturae coa colaboración da asociación cultural para a promoción da filosofía contemporánea en lingua galega Proxecto Derriba.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2015.