Un encontro internacional en Santiago transitará pola Idade Media

As viaxes na Idade Media así como a expansión de tendencias culturais, artísticas e intelectuais constitúen o principal fío condutor dun encontro internacional que dará comezo o luns 5 no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
Coordinado pola profesora da USC Marta Cendón e polo profesor da Universidade Federal de Alfenas (Brasil) Adailson José Rui, o II Encontro Internacional Viaxeiros: transitando pola Idade Media forma parte das numerosas e frutíferas iniciativas que se promoven desde a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares e dá continuación á andaina emprendida en 2015 coa celebración de Viaxeiros: do Antigo ao Novo mundo.
O encontro, que se inaugurará ás 9.00 horas, contará coa intervención de especialistas xa consagrados e recoñecidos a nivel internacional así como coa participación de investigadores nóveles e en formación, coa pretensión de ser un punto de encontro no que se propicie un mellor coñecemento do mundo medieval.