Ir o contido principal

Entrega de premios da décima edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

Xunto ao reitor, asiste á entrega a conselleira de Traballo

Proxectos viables empresarialmente; que acheguen produtos, procesos ou servizos innovadores; con capacidade para xerar emprego; e promovidos por un grupo multidisciplinario tendo en conta as políticas de igualdade. Estes son os trazos que o xurado do X Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC buscou e agora premiará entre as propostas que se presentaron á convocatoria. Acompañado da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o reitor Juan Casares presidirá este martes 20 o acto de entrega dos premios correspondentes á décima edición deste concurso de proxectos empresariais. Será a partir das 10:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome nun acto no que tamén van estar presentes os vicerreitores de Investigación e de Estudantes e Formación Continua, Francisco González e Francisco Ramón Durán, respectivamente; o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande; e o xerente de Uninova, Gustavo Marcos. En total, entregaranse un primeiro premio de 7.000 euros e ata outros 24.000 de préstamos participativo a cargo de Unirisco Galicia SRC e un segundo de 4.000 euros. Ademais establecéronse outras catro categorías que recibirán 2.000 euros cadansúa por iniciativas de Empresa Xove, Muller Emprendedora, Proxecto Medioambiental e Proxecto con Sensibilidade Social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2010.