Ir o contido principal

Entregadas as Medallas de Investigación da RAGC 2020

De esquerda a dereita, Carlos Salgado,  José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana logo de recoller este xoves as Medallas de Investigación 2020 outorgadas pola Real Academia Galega de Ciencias. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana logo de recoller este xoves as Medallas de Investigación 2020 outorgadas pola Real Academia Galega de Ciencias. FOTO: Santi Alvite
O presidente da institución e profesor emérito da USC, Juan Lema, ofrece a súa colaboración para elaborar o Pacto pola Ciencia en Galicia e recomenda programas fortes de atracción e retención de talento
Lugo, Santiago de Compostela

Os profesores da USC Carlos Salgado, Luis Miguel Botana e José Manuel Sabucedo recolleron este xoves as Medallas de Investigación 2020 outorgadas pola Real Academia Galega de Ciencias. Estes galardóns poñen en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e a súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspondeulle a Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC, único centro galego ata agora coa distinción de Unidade de Excelencia María de Maeztu. O profesor da Facultade de Veterinaria da USC, Luis Miguel Botana recibiu a medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Finalmente, a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destacou a traxectoria de José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social na USC. No acto tamén foron recoñecidos os profesores da UVigo, Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa. A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, centrado este ano na figura do enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma.

Premios de Investigación Ernesto Viéitez

O descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular, desenvolvida pola USC e que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes, foi tamén recoñecido co Premio de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros. Na investigación, participan grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.

Coordinado polos investigadores Diana Guallar e Miguel Fidalgo, o proxecto supón un fito no campo do uso terapéutico das células nai, concretamente das células nai pluripotentes inducidas (iPSC). O equipo galardoado que tamén recollerá o premio este xoves, está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.

Na categoría de premios dirixida a investigadores mozos, Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, foi recoñecido cunha mención honorífica. O seu traballo supón un salto cualitativo no campo dun tipo de polímeros denominados helicoidais sintéticos, xa que permite desenvolver novos nanomateriais cun comportamento multifuncional e interesantes propiedades aplicables á biomedicina e ás TIC, como a encapsulación de substancias e o desenvolvemento de sensores.

Pacto pola Ciencia en Galicia

No transcurso do acto ao que asistiu o reitor Antonio López, o presidente da RAGC e profesor emérito da USC, Juan M. Lema Rodicio, aproveitou a súa intervención para abordar o Pacto pola Ciencia en Galicia, iniciativa impulsada pola RAGC para dinamizar o modelo socioeconómico do futuro, e ofreceu a colaboración da institución para a súa concepción. Ademais, mostrou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo por parte dos axentes políticos e académicos de Galicia a recomendación realizada pola RAGC de establecer un programa forte para a atracción e retención estable de talento investigador en Galicia. Segundo lembrou Lema, estas recomendacións partiron do informe da RAGC sobre a evolución da produción científica galega e das posteriores reunións con investigadores e cos responsables das tres universidades e dos centros do Consello Superior de Investigacións (CSIC) en Galicia.

O acto, celebrado no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, estivo presidido polo propio Lema e polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Asistiron, alén do reitor Antonio López, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o reitor da UDC, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o coordinador do CSIC en Galicia, Antonio de Ron; e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo.

Foto de familia dos premiados coas autoridades. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia dos premiados coas autoridades. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2021.