Ir o contido principal

Os enxeñeiros titulados na EPS Javier Rodríguez e Marcos Castro gañan os Premios San Cidre outorgados polos colexios agrícolas

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña-Pontevedra e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo celebran este mércores na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC o acto de imposición de insignias e entrega de premios aos autores dos mellores traballos de final de grao das promocións dos graos en Enxeñaría Agrícola e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, e Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias egresadas o pasado curso académico do centro universitario lugués.

O primeiro premio San Cidre 2017, un galardón dotado con 900 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, recaeu no graduado en Enxeñaría Agrícola e Agrolimentaria Javier Rodríguez Gil, polo traballo de fin de grao desenvolvido baixo o título ‘Proxecto básico e de execución para a construción dun área recreativa’. O tamén graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Marcos Castro Olveira recibiu unha mención especial, dotada con 700 euros en metálico, insignia de ouro e diploma, polo TFG titulado ‘Validación dun modelo de predición de avaliación de estados fenolóxicos para catro variedades de Vitis vinífera en Portomarín (Lugo)’.

Os titulados en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural na EPS Manuel Pérez Gómez, Francisco Javier Dapena Fernández tamén recibiron unha distinción (insignia de ouro e diploma) polos seus proxectos de ampliación dunha explotación de vacún de leite no Corgo, e dunha explotación hortícola ecolóxica en Cesuras, respectivamente. Asemade, o graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Javier Neira López tamén mereceu unha distición polo seu proxecto de reforma dunha gandería con capacidade par 60 vacas en Santiago de Saa (Lugo).

Os Colexios Profesionais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña-Pontevedra e de Lugo tamén acordaron distinguir cun diploma os traballos de fin de grao presentados aos Premios San Cidre por Cristian Míguez Vidal, Paula Cristina Ribeiro Oliveira, Diego Corral Rodríguez, Juan José Oreiro Cambeiro e Verónica Gómez Collazo.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña e Pontevedra, Rafael J. Muíños Moreno, e o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez Marey, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, abrirán esta sesión académica cun breve acto de benvida aos novos enxeñeiros e enxeñeiras tituladas. De seguido, o presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do Centro, Carlos Gilarranz Casado, ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Xa rematei a carreira, e agora qué?’.

A entrega dos Premios San Cidre 2017, así como das distincións aos autores dos traballos de fin de grao máis valorados polo xurado deste certame promovido polos colexios profesionais serviron de peche da sesión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.05.2017.