Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría da USC e o Ligal lanzan a sexta edición do Máster en Produción de Leite, para o que se ofrecen 12 prazas

A EPS de Enxeñaría da USC e o Ligal lanzan a sexta edición do Máster en Produción de Leite, para o que se ofrecen 12 prazas
A EPS de Enxeñaría da USC e o Ligal lanzan a sexta edición do Máster en Produción de Leite, para o que se ofrecen 12 prazas
A matrícula no mestrado propio da USC, que xa ten aberta a pre inscrición, comeza o 24 de xuño. O programa oferta tres prazas en cursos de alimentación e economía do leite

A EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) acollerán un ano máis nas súas instalacións a docencia do Mestrado Propio da USC en Produción de Leite, un posgrado coordinado polo profesor José Manuel Pereira González que chegará a súa sexta edición no curso 2019-20. A pre inscrición neste mestrado, para que se ofrecen un total de 12 prazas, está aberta ata o 12 de xuño. A matrícula, tamén en liña, abre o 24 de xuño.

O Mestrado en Produción de Leite da USC pretende ofrecer unha resposta formativa a unha demanda de especialización das explotacións gandeiras e xorde nun contexto de colaboración entre a Universidade e a Xunta de Galicia a través do INGACAL-CIAM e o LIGAL, xunto coa participación de profesionais de empresas e entidades punteiras que permite mellorar o aproveitamento dos recursos tanto humanos coma materiais e crear sinerxías.

Para acceder ao máster é preciso estar en posesión dunha titulación universitaria (grao, máster, licenciatura ou diplomatura), preferentemente relacionada co sector agrogandeiro, ou ben ser estudante preto de rematar a titulación, sempre que só falte cursar un máximo de 30 créditos ECTS para obter a titulación requirida. Porén, para obter o título de máster será imprescindible acreditar a titulación de acceso antes de rematar o curso.

A formación ten carácter presencial, cun enfoque fundamentalmente práctico e aplicado que aborda os aspectos fundamentais dende o punto de vista da produción. Os contidos están agrupados en 6 módulos nos cales se tratan aspectos de sanidade animal, reprodución e xenética, calidade do leite, benestar animal e instalacións, produción de forraxes, alimentación, economía e xestión.

Saídas profesionais

Os titulados co Máster en Produción de Leite na USC poderán cubrir a demanda de expertos en servizos técnicos especializados e de asesoría que demandan as explotacións gandeiras, as cooperativas agrarias, industrias, institucións e empresas de servizos. As saídas profesionais do máster son diversas en aspectos como asesoría en alimentación, formulación de racións, xenética, sanidade, programas de mellora da calidade do leite, control e funcionamento da máquina de muxido, benestar animal, produción de forraxes ou xestión técnica e económica das explotacións.

O máster é unha ferramenta de formación continua e reciclaxe profesional para aqueles que xa veñen desenvolvendo o seu traballo no sector. A actualización de coñecementos e a posta en común con profesionais de diferentes ámbitos (universidade, centros de investigación, LIGAL, cooperativas, empresas) permite crear sinerxías e potenciar o coñecemento, imprescindible para o sector.

Neste senso, os orgnanizadores deste mestrado ofrecen de xeito parello cursos de formación específicos en alimentación para a producción de leite e sobre economía en explotacións leiteiras. Dous programas para os que se ofrecen tres pazas e que poden cursarse de xeito indepente ao resto de contidos incluídos no mestrado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2019.