A EPS mellora a xestión forestal do piñeiro marítimo cun modelo dinámico de rodal que simula crecemento e evolución das masas
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo contribúe á mellora da xestión forestal do piñeiro marítimo co desenvolvemento e coa optimización dun novo modelo dinámico de rodal que permite simular a evolución das masas forestais e, por tanto, predicir así parámetros como como o crecemento ou a produción dos piñeiros marítimos.
Estes avances respecto da xestión forestal do piñeiro marítimo son resultado da tese de doutoramento ‘Desenvolvemento dun modelo dinámico de rodal e optimización da xestión de Pinus pinaster Ait. En Asturias’, unha investigación realizada por Manuel Arias Rodil baixo a dirección dos profesores Ulises Diéguez e Marcos Barrio e que vén de presentar este enxeñeiro de montes na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Na elaboración desta tese de doutoramento tamén colaboraron investigadores da Universidade de Oviedo, que facilitaron o acceso á información recollida dende 2007 en masas forestais de dita especie, ademais de información de primeira man sobre o tipo de xestión forestal desenvolvida, así como outros investigadores da Universidade de León, que tamén achegaron outros conxuntos de datos. O piñeiro marítimo ten un papel importante no sector forestal de Asturias, xa que ocupa unha superficie de 22500 hectáreas e presenta unha produción anual de madeira de 62.500 m³. Dada a importancia desta especie no sector forestal asturiano, a investigación de doutoramento realizada por Arias Rodil, que deu pé á publicación de tres artigos de investigación, pretende contribuír á mellor da xestión desta especie forestal en Asturias. Na súa tese e tendo en conta que a idade das masas forestais é unha variable custosa de obter no campo, Arias Rodil avalía diferentes metodoloxías independentes da idade para a estimación da calidade de estación (calidade dunha localización para o crecemento dunha especie) e a predición do crecemento en altura. Para a calidade de estación, o mellor método baséase nun modelo que depende da medición entre o primeiro e o oitavo nós (por encima de 1,3 metro) do tronco. Para o crecemento en altura recoméndase un modelo que depende de variables climáticas. Outra ferramenta desenvolvida é un modelo dinámico de rodal, que prevé o crecemento e a produción das masas forestais nas que está presente esta especie, o que representa unha ferramenta moi útil para os xestores forestais, xa que permite simular a evolución dunha masa segundo diferentes programas silvícolas. Os resultados do modelo desenvolvido comparáronse cos correspondentes de modelos existentes para a mesma especie nas rexións de Galicia e o norte de Portugal. Os resultados desta comparación indican que podería ser suficiente cun único modelo para explicar a evolución das masas de piñeiro marítimo en todo o noroeste da Península Ibérica. Nunha fase posterior, este novo modelo dinámico empregouse para optimizar a xestión dos rodais de piñeiro marítimo en Asturias mediante a determinación do mellor programa silvícola: número, momento e intensidade de claras óptimos (cortas intermedias para favorecer o desenvolvemento da masa forestal), así como o momento máis axeitado para realizar a corta final. Os resultados obtidos reflicten un programa silvícola óptimo con tres claras de intensidade forte, nas que o momento de realización das cortas adiántase segundo aumenta a calidade de estación ou a taxa de interese. Esta ferramenta supón un avance importante na xestión forestal, e pode implementarse tamén para as principais especies forestais de Galicia, para as que xa existen modelos dinámicos e nas que se ten feito algún traballo ó respecto. Mención Internacional A tese de doutoramento que vén de presentar Manuel Arias Rodil na EPS opta ademais á Mención Internacional xa que, entre outros requirimentos, este enxeñeiro de montes nado oriundo de Castroverde realizou dúas estadías de investigación (de 3 meses) na University of Eastern Finland (Joensuu, Finlandia) e no Virginia Polytechnic Institute and State University (Blacksburg, VA, Estados Unidos) con reputados investigadores no eido forestal a nivel mundial. Na actualidade Arias Rodil conta cunha bolsa de Formación de Profesorado Universitario (FPU), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o que lle permitiu a súa formación como investigador e a realización da tese doutoral na Unidade de Xestión Forestal Sostible, un grupo de investigación pertencente ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC. Tribunal de tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Arias Rodil estivo presidido por Luis Díaz Balteiro, catedrático do Departamento de Enxeñaría e Xestión Forestal e Ambiental da Universidade Politécnica de Madrid. Tamén formaron parte do tribunal como vogais Teresa Fonseca, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal); Felipe Bravo, catedrático da Universidade de Valladolid, e Fernando Castedo, profesor titular da Universidade de León. O catedrático da USC Juan Gabriel Álvarez exerceu de secretario do tribunal, que outorgou a máxima cualificación académica a esta tese de doutoramento.