Ir o contido principal

A Escola de Doutoramento Internacional asumirá a xestión e coordinación dos estudos de doutoramento da USC

A nova estrutura axudará a visibilizar e mellorar a coordinación dos estudos de doutoramento na USC
A nova estrutura axudará a visibilizar e mellorar a coordinación dos estudos de doutoramento na USC
Contará con catro seccións que agrupan as cinco grandes áreas de coñecemento

A Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) asumirá a xestión administrativa e a coordinación dos estudos de doutoramento ata agora recollidos no CIEDUS e a coordinación dos programas de doutoramento asociados ás anteriores catro Escolas de Doutoramento Internacional co fin de simplificar a súa organización. O Consello de Goberno da USC, co informe favorable do pleno do Consello Galego de Universidades, aborda esta reestruturación creando unha unidade centralizada para coordinar e xestionar os estudos e programas de doutoramento, facilitando a execución de todas as actuacións pertinentes, e procedendo á eliminación das anteriores catro escolas de doutoramento.

A nova estrutura terá en conta as distintas especificidades e características das grandes áreas de coñecemento “pero sen perder, ao mesmo tempo, a unidade de criterios e actuacións en temas académicos que lles afectan por igual a todas elas e atender á interdisciplinariedade científica e a comunicación fluída entre os distintos ámbitos temáticos”. Ademais, leva parella unha simplificación dos órganos unipersoais e colexiados de goberno e dos procesos administrativos asociados a súa xestión presentes na anterior estrutura. A EDIUS estará organizada en catro seccións que agrupan as cinco grandes áreas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde e Ciencias e Enxeñerías.

A EDIUS terá como membros ás doutorandas e doutorandos matriculados na USC, o persoal docente e investigador que forme parte dos programas de doutoramento, o persoal de administración e servizos adscrito á EDIUS e os membros dos distintos órganos de dirección en que se organiza e estrutura. A unificación das catro escolas de doutoramento actuais nunha única pretende mellorar a relación recíproca entre os distintos ámbitos do coñecemento mantendo un grao óptimo de especialización temática baixo unha única unidade organizativa académica e administrativa, así como simplificar a estrutura académica, os trámites administrativos e os custes asociados ao funcionamento dos estudos de doutoramento. Ademais de unificar procedementos administrativos e criterios académicos dos estudos de doutoramento, a medida mellorará a visibilidade destes estudos e constituirá á Escola en referente organizativo e académico da estratexia da Universidade para potenciar o doutoramento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2019.