A Escola de Enfermería de Lugo inicia a sétima edición do curso de especialización en urxencias, emerxencias e catástrofes
O martes 30 comeza na Escola Universitaria de Enfermería de Lugo a sétima edición do curso 'Especialización de enfermería en Urxencias, Emerxencias e Catástrofes', que se desenvolverá ata o próximo mes de maio cun total de 25 alumnos. A actividade concíbese como un curso teórico-práctico dirixido a enfermeiras e enfermeiros de 250 horas de duración (25 créditos), das cales 150 son teóricas e 100 prácticas. O acto inaugural do curso terá lugar o propio día 30 ás 17.00 horas na sede da E.U. de Enfermería no Campus de Lugo e contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a directora da Escola Universitaria, Mª Asunción Núñez Magdalena; e a secretaria académica do centro, Pilar Penela Puga. Segundo os seus organizadores, os obxectivos do curso céntranse en "contribuír á formación especializada de enfermaría de urxencias, emerxencias e catástrofes, garantindo que os participantes adquiran os coñecementos e habilidades necesarias para recoñecer as diferentes situacións clínicas, dándolles prioridades segundo a súa gravidade, mellorar a asistencia integral do paciente nos servizos de urxencias, potenciar o traballo en equipo e incorporar elementos de humanización da enfermería". Ademais das prácticas e un traballo final, o programa do curso recolle, entre outros, aspectos como os conceptos de urxencia e emerxencia e o organigrama dun servizo de urxencias; RCP básica e avanzada; o coidado aos pacientes politraumatizados ou en shock; farmacoterapia; trastornos psiquiátricos e asistencia á familia; accidentes de tráfico, catástrofes urbanas e emerxencias epidémicas, químicas ou industrias; orientacións médico legais; así como o tratamento de urxencias dentro de cada unha das especialidades médicas.