Ir o contido principal

O Estatuto do Estudante Universitario tentará propiciar unha participación máis activa dos alumnos na formación

O texto do Real Decreto, que entrou recentemente en vigor, pode consultarse na web da USC

Aumentar a implicación dos estudantes na vida universitaria e a súa participación como mecanismo engadido de formación práctica. Este é o obxectivo principal do Estatuto do Estudante Universitario, aprobado mediante Real Decreto 1791/2010 de 30 de decembro, que xa está en vigor. A creación do estatuto enmárcase dentro do novo escenario que debuxa o Espazo Europeo de Educación Superior e da Lei Orgánica de Universidades, que reclaman unha nova figura do alumno como suxeito activo do proceso de formación, cunha valoración do traballo dentro e fóra da aula e apoio da actividade docente e sistemas titoriais. Así mesmo, o real decreto contempla a creación do Consello de Estudantes Universitario do Estado, un órgano de deliberación, consulta e participación dos alumnos ante o Ministerio de Educación. Este consello terá, entre outras funcións, a de informar os criterios das propostas políticas do Goberno en materia universitaria, elevar propostas ao ministerio, coñecer informes relativos ao mapa de titulacións e fomentar o asociacionismo estudantil. O texto completo do Estatuto do Estudante Universitario pode consultarse na web da USC: http://www.usc.es/gl/modules/news/news_0024.html. O regulamento consta de 67 artigos, nos que se aborda dende os dereitos e deberes dos estudantes ata as asociacións de antigos alumnos e o defensor do universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2011.