Ir o contido principal

As estratexias de prevención ambiental, peza clave para diminuír o consumo de alcol na adolescencia e mocidade

Cada ano prodúcense tres millóns de mortes no mundo debido ao consumo de alcol. FOTO: Santi Alvite
Cada ano prodúcense tres millóns de mortes no mundo debido ao consumo de alcol. FOTO: Santi Alvite
Co gallo do Día Mundial sen Alcol que se conmemora este martes, 15 de novembro, o profesor da USC, Francisco Caamaño subliña que para reducir o consumo é necesario “incidir máis no ambiente que na información”
Santiago de Compostela

“En lugar de centrarnos en deseñar intervencións para axudar aos individuos para actuar de forma saudable, a prevención ambiental propón crear ambientes que favorezan os comportamentos saudables”. Esta é unha das propostas que o profesor da USC, Francisco Caamaño Isorna, director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina, formula co gallo do Día Mundial sen Alcol que se conmemora este martes, 15 de novembro.

“Distintos estudos constataron que adolescentes e mocidade que teñen suficiente información sobre drogas consómenas igual, principalmente en contextos grupais”, explica Caamaño nun artigo publicado en The Conversation. Este é o motivo polo que se fai necesario “incidir máis no ambiente que na información”. “Trátase, esencialmente, de cambiar o contexto no que se produce a conduta. As estratexias de prevención ambiental pretenden cambiar a contorna cultural, social, física e económica no que as persoas toman as súas decisións”, engade.

Tres millóns de mortes ao ano

Cada ano prodúcense tres millóns de mortes no mundo debido ao consumo de alcol, o que representa un 5,3% de todas as defuncións. Só en España, o alcol é a droga máis consumida e causa 15.500 mortos cada ano. Nos últimos 20 anos, estas mortes diminuíron lixeiramente en homes e víronse incrementadas en mulleres.

Doutra banda, o alcol é a primeira causa evitable de discapacidade intelectual, ao ser responsable do 100% da síndrome alcohólica fetal. O alcol é tamén a droga máis utilizada na submisión química. Abusar dela causa atrofia cerebral e dano neuronal. É así mesmo a causa de 1 de cada 9 cancros de mama e está presente en 1 de cada 5 episodios de violencia e suicidios. “Baseándonos na evidencia científica, ningún profesional ou institución debería recomendar o consumo de alcol para mellorar a saúde. Nin tan sequera en cantidades ínfimas”, subliña o profesor Caamaño. “Os estudos de seguimento de adolescentes e mozos/as permitíronnos coñecer que boa parte das prácticas sexuais de risco, dos accidentes de tráfico e do abuso/dependencia na idade adulta son explicadas polo consumo de alcol”, continúa o profesor.

Para paliar este tipo de situacións, a prevención ambiental, coa modificación do espazo físico e do marco lexislativo e impositivo, pode propiciar ambientes que favorezan os comportamentos máis saudables. Diariamente morren por alcol en España 11 mulleres e 31 homes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2022.