Ir o contido principal

Unha estudante de doutoramento en Psicoloxía presentará o seu traballo na Universidade de Harvard

Cristina Gómez Román
Cristina Gómez Román
Cristina Gómez Román centra a súa tese na participación cidadá nas manifestacións

A estudante de doutoramento en Psicoloxía Social Da USC Cristina Gómez Román presentará este verán na Universidade americana de Harvard o seu traballo sobre os movementos sociais, a dinámica de protesta e os motivos que levan aos cidadáns a participar nas manifestacións. ‘Cidadanía mobilizada, quen protesta e por que’ é o nome do proxecto de investigación no que se insire o traballo de Gómez Román, que está financiado pola Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade. Tras un esixente proceso de selección, agora terá oportunidade de presentar a súa investigación no VIII Seminario de verán CIS-Harvard en investigación sociolóxica e politolóxica. O encontro terá lugar entre o 3 e o 7 de agosto no Real Colexio Complutense na Universidade de Harvard, en Cambridge (Massachusetts), onde se darán cita investigadores de primeira liña, na súa maioría das universidades da área de Boston, como a anfitrioa ou o Massachusetts Institute of Technology (MIT). O obxectivo do seminario é familiarizar aos participantes cos desenvolvementos teóricos, metodolóxicos e empíricos máis avanzados nas ciencias sociais, ao tempo que se fomenta a colaboración científica para a realización de proxectos de investigación conxuntos. Cristina Gómez Román é bolseira FPU e estudante de doutoramento en Psicoloxía Social na USC baixo a supervisión do catedrático José Manuel Sabucedo. É ademais asistente editorial da International Journal of Social Psychology e contou en 2013 cunha bolsa da Fundación Barrié coa que financiou a súa estadía investigadora na Vrije Universiteit de Amsterdam.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2015.