Ir o contido principal

Os estudantes do Campus de Lugo coñecerán outras culturas a través dos compañeiros estranxeiros

A Politécnica será mañá a sede dos International Days co fin de promover o intercambio académico con outros países

A USC, en colaboración coa Asociación Enxebre Compostela, celebra este martes os International Days do curso 2010-2011 no Campus de Lugo. Coa organización desta xornada, os alumnos estranxeiros na Universidade de Santiago presentarán os seus países a toda a comunidade universitaria a través dunha serie de actividades que se concentrarán na Escola Politécnica Superior dende as 11:30 deica as 17:30 horas.

Este ano duplicarase o número de stands correspondentes ás distintas modalidades e os participantes poderán atopar 10 casetas nas que se achegarán a países como Bolivia, Xeorxia, Paraguai ou Uzbekistan, entre outros. Terán presenza os estranxeiros que cursan estudos no campus compostelán para que poidan divulgar as súas experiencias tamén en Lugo despois de ter participado xa no International Day de Santiago o pasado día 2. Programa Nos diferentes stands haberá presentacións, fotografías, música e gastronomía propia dos diferentes países con representación. O material está pensado para dar a coñecer de primeira man aspectos interesantes de cada cultura dende a perspectiva dos estudantes foráneos. O obxectivo é abrir as portas, favorecer a integración e conseguir que os estudantes da USC coñezan as posibilidades dos diversos destinos para o intercambio académico a través de programas coma o Erasmus, dos que tamén se ofrecerá información. Por outra banda, farase entrega dun premio ao mellor país da pasada e da presente edición e todos os participantes na organización recibirán un diploma. Para atopar máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao enderezo web http://internationalday.jimdo.com/

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2010.