Ir o contido principal

Estudantes preuniversitarios de tres centros da Coruña e Lugo visitan este xoves a Escola Politécnica Superior

Estudantes preuniversitarios de tres centros de ensino de Guísamo, Becerreá e Lugo visitarán este xoves, día 27 de febreiro de 2014, a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC co gallo da celebración dunha xornada de portas abertas, ideada para dar a coñecer e achegar as instalacións e as posibilidades de aprendizaxe e investigación que ofrece este centro universitario, ademais de para presentar a súa oferta educativa de títulos de grao.

Esta xornada de portas abertas, organizada polo equipo de dirección do centro universitario e que se desenvolverán baixo o lema ‘Imaxina, investiga, descobre... enxeña’, ofrece aos estudantes preuniversitarios de ESO, BAC e Ciclos Superiores de FP a oportunidade de participar en distintos obradoiros prácticos programados para a ocasión e cuxa temática abrangue desde o guiado de tractor mediante GPS, agricultura ecolóxica, enxertado de árbores, cata de queixos, agricultura ecolóxica, práctica de topografía e cun convertedor de enerxía das ondas, lectura dos aneis das árbores e determinación da súa altura, etc. Outro dos obxectivos desta xornada, que se desenvolverá en horario de 10.00 a 20.00 horas, no pavillón III do centro universitario lugués, é o de informar a estudantes, pais e profesores sobre as saídas profesionais das titulacións de grao impartidas na Escola Politécnica Superior de Lugo, así como das posibilidades de completar estadías de prácticas en empresas, entidades ou institucións como primeiro paso para acceder ao mercado laboral, segundo explicou a coordinadora desta actividade, a profesora Rosa Romero. As persoas que participen nestas xornadas poderán completar visitas guiadas ás distintas dependencias (laboratorios, invernadoiros, aulas, fincas de prácticas...) da Escola Politécnica Superior, ademais de recoller diverso material informativo sobre os títulos en Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, que conformarán a oferta de estudos de grao da EPS para o vindeiro curso 2013-2014. Os estudantes que tomen parte desta xornada de aproximación á realidade universitaria na Escola Politécnica Superior de Lugo recibirán como agasallo cadanseu exemplar do Vocabulario Forestal e Termos Esenciais de Botánica, ademais de amplo material informativo sobre o centro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2014.