Os estudantes da USC poden optar aínda aos programas de mobilidade Erasmus, países de fala inglesa e Iberoamérica

Realizar estudos no estranxeiro é unha oportunidade que aínda está ao alcance da man para os estudantes da Universidade de Santiago. Concretamente, están abertas as convocatorias de prazas para Erasmus, países de fala inglesa e Iberoamérica durante o curso 2011-2012. Os alumnos que queiran optar a estas bolsas dispoñen ata o vindeiro 28 de xaneiro para formalizar a súa inscrición. É requisito común ás tres convocatorias estar matriculado na USC e ter superado o 15% dos créditos da titulación que estea a cursar e estar matriculados polo menos no segundo curso da súa titulación. As solicitudes efectuaranse en liña a través da Secretaría Virtual dos Estudantes e unha vez realizadas os candidatos deben entregar dúas copias das mesmas nos rexistros xerais da USC. Erasmus A Universidade de Santiago convoca para o curso académico 2011-2012 bolsas para diversas universidades europeas ao abeiro do programa Erasmus. Trátase de dar aos alumnos a posibilidade de realizar estudos recoñecidos pola USC, durante un período que estadía que estará comprendido entre os tres meses como mínimo e os doce como máximo. Unha vez rematado o prazo de solicitudes, levarase a cabo un procedemento de selección, que consta de dúas fases. Na primeira, valoraranse os criterios académicos e os candidatos deberán presentarse ás probas de nivelación dos idiomas dos países nos que desexen realizar a súa mobilidade. Na segunda fase de selección, a asignación de destinos será competencia de cada centro e, unha vez resoltas as reclamacións oportunas, será a Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua quen elabore unha proposta global e definitiva. Países de fala inglesa A USC ofrece tamén aos seus alumnos a posibilidade de optar a unha das 50 bolsas para cursar estudos en universidades de fala inglesa coas que ten formalizado convenio de cooperación bilateral, rede Tasset e o programa Isep. O período de intercambio será dun semestre ou un curso académico, neste caso o 2011-2012, aínda que de ser seleccionado no Isep poderá solicitarse unha prórroga por un segundo ano se se é aceptado nun programa Máster nos EEUU. O proceso de selección contará cunha única fase de valoración, na que se terán en conta o coñecemento de idiomas, o expediente académico e o perfil académico mediante entrevista. Os alumnos que acaden a bolsa Isep contarán con aloxamento e mantenza de balde durante o tempo de intercambio, mentres que os que resulten beneficiarios das de convenio bilateral e Tassep percibirán 1.500 euros, independentemente da duración da estadía. Iberoamérica O terceiro programa de mobilidade aberto é o de estudos en universidades de Iberoamérica coas que a USC ten formalizado convenio de cooperación bilateral. O período de intercambio será dun semestre ou curso. Para a selección de candidatos valoraranse os criterios académicos e lingüísticos, posto que no caso das universidades brasileiras terase en conta o coñecemento de portugués.