Ir o contido principal

Estudarán a biodiversidade vexetal ameazada da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A investigación está co financiada polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (POCTEP) 2007-2013 dos Fondos FEDER da UE

Inventariar a biodiversidade vexetal transfronteiriza ameazada de Galicia e o Norte de Portugal e así definir os espazos máis importantes para a súa conservación é o propósito dun proxecto que, liderado pola USC, está co financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (POCTEP ) 2007-2013 da UE. O proxecto BIODIV_GNP (‘Biodiversidade vexetal ameazada da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Coñecer, xestionar e implicar’) preséntase en rolda de prensa este martes 29, ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Interveñen o reitor da USC, Juan Casares; o profesor de Botánica da USC e xefe de fila do proxecto, Santiago Ortiz; e o profesor de Bioloxía da Universidade de Porto, Francisco Barreto. Asiste ademais Carlos Bastos Guerra, da Fundação Fernão Magalhães para o Desenvolvimento e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Todos eles, xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais, representantes das entidades participantes. Os territorios fronteirizos de Galicia e Norte de Portugal comparten unha “forte degradación do medio” que se ten intensificado nas últimas décadas, especialmente no eixo costeiro, segundo constatan os investigadores. Por esta razón, no proxecto formúlanse entre outros obxectivos a identificación das especies de flora ameazadas, a creación dunha base de datos da súa distribución xeográfica, a avaliación dos actuais espazos protexidos e a implicación da sociedade na súa preservación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2012.