Ir o contido principal

Os estudos ‘queer’ e a educación en igualdade centrarán en outubro e novembro a axenda do CIFEX

Os días 9 e 10 de outubro o CIFEX impulsará as súas décimo quintas xornadas e sétimas Xornadas Internacionais de Formación, Educación, Xénero e Igualdade co lema ‘Gendered Innovation’
Os días 9 e 10 de outubro o CIFEX impulsará as súas décimo quintas xornadas e sétimas Xornadas Internacionais de Formación, Educación, Xénero e Igualdade co lema ‘Gendered Innovation’
O ciclo de palestras LGBTIQ+ na USC co lema ‘Queer-emos estudos queer’ e as xornadas ‘Gendered Innovation’ están organizadas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC que acaba de estrear nova web
Santiago de Compostela

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) organizará ao longo de outubro e novembro dúas novas iniciativas que contan co financiamento da Deputación da Coruña, o ciclo de palestras LGBTIQ+ na USC co lema ‘Queer-emos estudos queer’ e as décimo quintas Xornadas CIFEX, tituladas nesta edición ‘Gendered Innovation’. Ambas as accións estarán recoñecidas con 1 crédito ECTS e no caso das Xornadas tamén serán recoñecidas no Programa de Formación e Innovación Docente da USC (PFID).

Ciclo de palestras 

O ciclo de palestras LGBTIQ+ na USC desenvolverase entre o 6 de outubro e o 24 de novembro na Facultade de Filoloxía, os venres 6, 20 e 27 de outubro e 10, 17 e 24 de novembro. O proceso de inscrición, de carácter gratuíto, pódese formalizar ata o 4 de outubro a través dun formulario na web.

Xornadas ‘Gendered Innovation’ 

Os días 9 e 10 de outubro o CIFEX impulsará as súas décimo quintas xornadas e sétimas Xornadas Internacionais de Formación, Educación, Xénero e Igualdade co lema ‘Gendered Innovation’. Desenvolveranse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais e permitirán a revisión de aspectos relacionados coa perspectiva de xénero na investigación, igualdade e revolución dixital, a oposición aos estudos de xénero ou innovación docente dende a ollada de xénero, entre outras cuestións.

Nova web do CIFEX

A información de ambos os eventos xa está dispoñible na nova web do CIFEX, espazo de comunicación que o Centro acaba de actualizar tanto no relativo a contidos dispoñibles como á súa aparencia, na procura de presentar unha ferramenta de comunicación áxil e de utilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2023.