Ir o contido principal

Os estudos ‘queer’ e a educación en igualdade inician a axenda do CIFEX para o curso 23-24

Ambas as accións están recoñecidas con 1 crédito ECTS e no caso das Xornadas tamén serán recoñecidas no Programa de Formación e Innovación Docente da USC (PFID)
Ambas as accións están recoñecidas con 1 crédito ECTS e no caso das Xornadas tamén serán recoñecidas no Programa de Formación e Innovación Docente da USC (PFID)
O ciclo de palestras LGBTIQ+ na USC co lema ‘Queer-emos estudos queer’ e as xornadas ‘Gendered Innovation’ están organizadas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero que acaba de estrear nova web
Santiago de Compostela

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) comezará o curso 23/24 con dúas novas iniciativas que contan co financiamento da Deputación da Coruña, o ciclo de palestras LGBTIQ+ na USC co lema ‘Queer-emos estudos queer’ e as décimo quintas Xornadas CIFEX, tituladas nesta edición ‘Gendered Innovation’. Ambas as accións están recoñecidas con 1 crédito ECTS e no caso das Xornadas tamén serán recoñecidas no Programa de Formación e Innovación Docente da USC (PFID).

Ciclo de palestras 

O ciclo de palestras LGBTIQ+ na USC desenvolverase entre o 6 de outubro e o 24 de novembro na Facultade de Filoloxía, os venres 6, 20 e 27 de outubro e 10, 17 e 24 de novembro. A primeira sesión será este venres 6 a partir das 16.00 horas coa intervención do docente Lucas Platero titulada ‘Educar (para) as identidades fluídas’ e continuará a partir das 18.30 horas coa profesora Helena Miguélez-Carballeira falando sobre ‘O xénero do país no imaxinario nacionalista galego’. A seguinte sesión das palestras será o día 20 con dúas conferencia de Joana Magalhães e Carme Adán para falar sobre ‘A noción de innovación de xénero e o queer na investigación científica’ e ‘Epistemoloxías do queer: identidiade e disidencia sexual en Galicia’, respectivamente.

O desenvolvemento dos estudos queer é unha das dúas liñas nas que está a traballar actualmente o CIFEX, xunto cos relacionados co eco-feminismo. O ciclo de palestras que se inician este venres permiten, en opinión da directora do centro, profundar na necesidade de atender a diversidade. Indo máis alá das particularidades de colectivos, esta iniciativa busca expandir a capacidade de análise sobre este tema abríndoo a todas as visións posibles, chamando a atención sobre o feito de que o xénero é algo común a todas as persoas.

Xornadas ‘Gendered Innovation’ 

Os días 9 e 10 de outubro será a quenda das décimo quintas xornadas e sétimas Xornadas Internacionais de Formación, Educación, Xénero e Igualdade do CIFEX co lema nesta edición ‘Gendered Innovation’. Desenvolveranse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais e permitirán a revisión de aspectos relacionados coa perspectiva de xénero na investigación, igualdade e revolución dixital, a oposición aos estudos de xénero ou innovación docente dende a ollada de xénero, entre outras cuestións. Como explica a directora do Centro, Teresa Moure, vinculadas dende a súa xénese coa didáctica, as xornadas ábrense agora a temas e abordaxes transversais para abordar a cuestión a análise do xénero dende distintos ámbitos de coñecemento.

A inauguración do encontro terá lugar o luns 9 ás 9.00 horas coa participación da directora do CIFEX, Teresa Moure; a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez; e o decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Ramón Bouzas. Deseguido terá lugar a conferencia plenaria que pronunciará o profesor da Université Libre de Bruxelles David Paternotte titulada ‘Oposición aos estudos de xénero e movementos anti-feministas’.

Nova web do CIFEX

A información de ambos os eventos xa está dispoñible na nova web do CIFEX, espazo de comunicación que o Centro acaba de actualizar tanto no relativo a contidos dispoñibles como á súa aparencia, na procura de presentar unha ferramenta de comunicación áxil e de utilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2023.