Ir o contido principal

A ETSE conmemora o seu vixésimo aniversario

De esquerda a dereita, Senén Barro, Juan Lema, Julia González, Antonio López, Juan Casares e Antonio Mosquera. FOTO: Iria Lema
De esquerda a dereita, Senén Barro, Juan Lema, Julia González, Antonio López, Juan Casares e Antonio Mosquera. FOTO: Iria Lema
O acto estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa participación da actual directora Julia González Álvarez, e de Juan Manuel Lema Rodicio e Antonio Mosquera González que a precederon no cargo
Santiago de Compostela

No ano 2002, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) iniciou a súa actividade docente e investigadora. Dúas décadas despois este centro da USC conmemorou o seu vixésimo aniversario cun acto institucional no que os e as docentes que o dirixiron ata a actualidade fixeron un repaso dos logros obtidos, así como dos retos de futuro. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coas intervencións da actual directora Julia González Álvarez, e doutros profesores da USC que asumiron ese mesmo cargo ao longo destes vinte anos, como Juan Manuel Lema Rodicio, director da ETSE entre 2004 e 2012 e Antonio Mosquera González, á fronte do centro entre 2012 e 2020.

Andrés García-Rodeja, responsable de Análise e Goberno de Información en INDITEX, e Cristal Paz Bonilla, responsable de Mellora Continua en Grupo Nueva Pescanova tamén tomaron parte no acto en representación do tecido empresarial vinculado á ETSE. Ademais, o aniversario contou coa participación dos ex reitores da USC Senén Barro Ameneiro e Juan Casares Long.

“Desenvolvendo un labor imprescindible”

“A ETSE empezou como un centro pequeno”, relatou Julia González. A Escola contaba nas súas orixes cun único departamento —o de Enxeñaría Química—, unha licenciatura —a de Enxeñaría Química—, un título propio —o de graduado/a superior en Enxeñaría Ambiental—, e o programa de doutoramento de Enxeñaría Química e Ambiental, pero a partir de aí, continúa a directora, “empezou a crecer e neste momento somos sede de dous departamentos, impartimos tres graos, un dobre grao e seis mestrados, todos cunha alta demanda, alén de coordinarse dous programas de doutoramento”.

Ademais, no presente curso 22-23 imparten docencia na ETSE 176 profesores e profesoras de 26 departamentos diferentes “e xa nos acercamos aos 1000 alumnos e alumnas”, engadiu Julia González. O persoal de administración e servizos está integrado por 17 persoas que atenden os servizos de administración, xestión económica, laboratorios docentes, biblioteca e punto de atención, información e servizos, “desenvolvendo un labor imprescindible para o bo funcionamento da escola”, dixo.

O acto contou co acompañamento musical dun trío de corda conformado por integrantes da Orquestra da USC:  Pablo Rodríguez (violín), Francisco José Pérez (violín) e Xesús Seoane (violoncello), intepretarán composicións de   G.F. Händel, J.P. Rameau e C. Gardel.

O acto estivo presidido polo reitor Antonio López. FOTO: Iria Lema
O acto estivo presidido polo reitor Antonio López. FOTO: Iria Lema
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2022.