Expertos de distintos niveis educativos reuniranse na Facultade de Filoloxía no curso de verán 'Ensino de segunda linguas a inmigrantes'
O incremento de poboación inmigrante en Galicia está a demandar o desenvolvemento de medidas e estratexias para a súa integración lingüística. Deste xeito, o curso de verán da USC ‘Ensino de segunda linguas e inmigrantes’, que se vai celebrar entre os días 16 e 19 de xullo na Facultade de Filoloxía, tentará impulsar a creación dun espazo de encontro para que os profesionais relacionados co ensino de linguas a inmigrantes poidan dar a coñecer as súas experiencias e investigacións neste ámbito.
Este curso ofrecerá unha perspectiva xeral sobre cuestións relacionadas co ensino de segundas linguas a nenos e adultos inmigrantes, abordada dende distintas perspectivas a través das que os asistentes poidan obter un rendemento práctico nos seus respectivos ámbitos de actuación. As distintas sesións programadas estarán impartidas por especialistas universitarios de toda España e contará ademais coa participación de representantes da administración autonómica galega e as experiencias prácticas de docentes de ensino non universitario.
O programa deste curso arrancará o 16 de xullo cunha intervención da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López Martínez, sobre os CELGA como referencia de novo enfoque para a formación e a certificación de adultos en lingua galega. Ese mesmo día, os asistentes debaterán sobre a relación entre a inmigración e a escola en Galicia e presentaránselles recursos e materiais dixitais para o ensino de novas linguas a inmigrantes, así como estratexias de intervención co alumnado marroquí ou unha proposta para o ensino de español a inmigrantes adultos a través do enfoque por tareas. Tamén o día 16, os asistentes asistirán dous relatorios sobre o teatro para o ensino de linguas e sobre experiencias teatrais neste mesmo campo.
Iniciativas de formación en lingua galega para inmigrantes, materiais para o ensino de español a inmigrantes e tendencias e novos retos do ensino en segunda linguas e inmigrantes en España, son algún dos temas cos que proseguirá este curso na súa segunda sesión de traballo.
Xa o día 18, os relatorios previstos achegarán aos asistentes propostas dende a aprendizaxe cooperativa, experiencias dos ámbito sociolingüístico no segundo ciclo da ESO e os resultados da posta en práctica dun programa de intervención. O derradeiro día, o 19 de xullo, as intervencións estarán orientadas á análise de problemas de aprendizaxe en contexto multilingües, ensino de segunda linguas en contextos non formais e sobre a variación lingüística como obxecto didáctico e da práctica investigadora.