Ir o contido principal

Expertos de todo o mundo analizarán nun curso a xestión da seguridade en moluscos bivalvos

Profesionais da industria dos produtos do mar chegados de todas partes do mundo participarán a vindeira semana en Bioloxía nun curso avanzado sobre xestión da seguridade dos moluscos bivalvos para mellorar o control da calidade sanitaria. Organizado polo Centro Internacional de Altos Estudos Agronómicos Mediterráneos (CIHEAM) a través do Instituto Agronómico Mediterráneo de Zaragoza (IAMZ), a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e a USC, o curso desenvolverase do 27 de setembro ao 1 de outubro con profesorado de recoñecida experiencia procedente de centros de investigación, universidades, servizos da administración e empresas de diversos países, así como de organizacións internacionais. Riscos asociados ao consumo Os organizadores advirten que aínda que en comparación con outros alimentos o peixe e os produtos pesqueiros son bastante seguros para o consumo humano, existen casos de enfermidades de transmisión alimentaria ligadas a eles. En particular, os moluscos bivalvos supoñen en torno ao 25% dos casos asociados con produtos do mar xa que debido ao seu modo de alimentación por filtrado tenden a concentrar bacterias patóxenas, virus e ficotoxinas así como contaminantes químicos. Ademais, algúns bivalvos como as ostras inxírense crus ou vivos, o que explica un maior risco. No Mediterráneo e noutros lugares rexístrase un número cada vez maior de enfermidades debidas a norovirus e virus da hepatite A. Os casos debidos a Vibrio parahaemolyticus e V. vulnificus son máis frecuentes en diferentes partes do mundo, contribuíndo o cambio climático e o calentamento global á extensión do rango xeográfico en que estes patóxenos están presentes en cantidades significativas. Por outra banda, as declaracións sobre novas microalgas tóxicas e ficotoxinas fan necesario actualizar os métodos de vixilancia actualmente aplicados. De aí que a xestión da seguridade dos moluscos bivalvos obxecto do curso precise de coñecementos multidisciplinares en áreas como a bacterioloxía, a viroloxía, a algoloxía e a química, xunto cunha comprensión da cadea de produción. Dezaseis países Os participantes -procedentes de Marrocos, Costa Rica, México, Albania, Perú, Arxentina, Colombia, Exipto, Italia, Mauritania, Serbia-Montenegro, Túnez, Turquía, Uruguai, España e Venezuela- profundarán nos principais riscos asociados co consumo de bivalvos e no coñecemento das regulacións internacionais relativas á produción e ao consumo. Ademais, visitas guiadas a zonas de produción de moluscos bivalvos e a plantas de depuración servirán para ilustrar os procedementos usuais relacionados coa calidade e a seguridade. En concreto, o xoves 30 trasladaranse ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), e á Planta de Depuración ‘La Sirena’ de Cambados. Relatores O claustro de expertos que intervirán no curso está formado por profesionais da USC, do Intecmar de Vilagarcía de Arousa, do Ifremer de Nantes (Francia), do Instituto Superior da Sanidade de Roma, do IEO de Vigo, da FAO, do CEFAS Weymouth Laboratory do Reino Unido, do Consello Regulador do Mexillón de Galícia, da Food Standards Agency Scotland de Aberdeen (Reino Unido), e do Laboratorio Comunitario de Referencia de Biotoxinas Marinas de Vigo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2010.