Ir o contido principal

A exposición ‘Compostela. Un ano de Voz’ recupera as principais imaxes do ano na cidade

De esquerda a dereita, Javier Garbayo, Manuel Areán, Xosé Sánchez Bugallo, Juan Casares, Alfonso Cabaleiro, Ignacio Carballo e os fotógrafos responsables das imaxes
De esquerda a dereita, Javier Garbayo, Manuel Areán, Xosé Sánchez Bugallo, Juan Casares, Alfonso Cabaleiro, Ignacio Carballo e os fotógrafos responsables das imaxes
A exposición pódese visitar en Fonseca ata o 31 de xaneiro

O reitor Juan Casares preside este martes 21 a inauguración da mostra ‘Compostela. Un ano de Voz’ á que está prevista que asista o alcalde Xosé Sánchez Bugallo; o secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro; e o secretario xeral de La Voz de Galicia, Manuel Areán. Tamén estarán presentes o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; o delegado do Grupo Voz de Galicia, Ignacio Carballo; e Xoán Soler que intervirá en representación do equipo de reporteiros gráficos do xornal responsables das imaxes da mostra. O acto inauguración celebrarase a partir das 19:30 horas no Colexio de Fonseca. ‘Compostela. Un ano de Voz 2010’ é xa unha cita obrigada dentro da oferta expositiva de Santiago e máis particularmente no relativo ao fotoxornalismo. Os visitantes atoparán nesta exposición o traballo de Xoan A. Soler, Álvaro Ballesteros, Paco Rodríguez e Carlos Folgoso retratando os acontecementos máis significativos da cidade ao longo de 2010. Cada unha das imaxes vai acompañada da páxina onde foi publicada no seu día. Como sinalou o reitor, "Fonseca acubillará durante as vindeiras semanas a anécdota, o institucional, a rúa, as persoas, a cidade, a propia universidade, a igrexa, o Xacobeo e aquilo que foi noticia durante este ano. Todo está como detido, sometido á reflexión e á interpretación de cada un de nós". Para Casares, a mostra é a expresión da responsabilidade daqueles profesionais dedicados a retratar a realidade "levantando acta, interpretando o acontecer e exercendo de altofaltantes do que sucede". A eles lles agradeceu o seu labor por "deter o tempo e facilitarnos o exercicio da memoria". A mostra que permanecerá aberta ata o 30 de xaneiro de 2011 estará aberta de martes ao sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas, permanecendo pechado os días 1 e 6 de xaneiro. A exposición fai un percorrido polas imaxes que foron noticia ao longo do ano Permanecerá aberta en Fonseca ata 0 3o de xaneiro

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2010.