Ir o contido principal

A Exposición ‘Persoas’, de Patricia Muñiz e Gabriel Tizón, abre a Semana da Integración

A Exposición ‘Persoas’, de Patricia Muñiz e Gabriel Tizón, abre a Semana da Integración
A Exposición ‘Persoas’, de Patricia Muñiz e Gabriel Tizón, abre a Semana da Integración
Enmárcase dentro do proxecto UNINTEGRA de apoio a persoas refuxiadas que está a coordinar o Servizo de Relacións Exteriores da USC

A Sala de Artesoado e a Capela do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela acollerán a partir deste mércores 12 a exposición ‘Persoas’, dentro do programa de actividades da Semana da Integración do proxecto UNINTEGRA, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC.

A mostra, que permanecerá aberta entre o 12 de xuño e o 13 de xullo, conxuga fotografía e investigación para afondar nas consecuencias dos movementos migratorios e as crises humanitarias que se desencadean debido a conflitos bélicos, catástrofes naturais e cambio climático.

O acto inaugural da exposición, que terá lugar o mércores 12 de xuño ás 20:00 horas na Sala de Artesoado do Colexio de Fonseca, contará coa presenza de Antonio López Díaz, reitor da USC; Mª do Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos; Concepción Fernández Fernández, concelleira en funcións de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos; Patricia Muñiz, encargada de coordinación e investigación da mostra, e o fotógrafo Gabriel Tizón.

As fotografías incluídas na exposición forman parte do traballo realizado nos últimos 15 anos por Patricia Muñiz e Gabriel Tizón nun total de 25 viaxes en máis de 20 países. A temática transversal da mostra son os desprazamentos involuntarios da poboación.

A Semana da Integración conta cun programa de actividades no que ademais se inclúen conferencias, un obradoiro e un ciclo cinematográfico de temática vencellada á problemática das persoas refuxiadas, facendo énfase especial na figura da muller e dos menores.

UNINTEGRA UNINTEGRA é un proxecto cofinanciado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC, que se puxo en marcha a finais do 2017. “O principal obxectivo é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida”, indica Víctor Arce Vázquez, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2019.