Ir o contido principal

Cinco factores psicolóxicos inflúen na aceptación da cidadanía á hora de reutilizar augas residuais

A investigación doutoral viuse reflectida en varias publicacións de revistas científicas internacionais. FOTO: Santi Alvite
A investigación doutoral viuse reflectida en varias publicacións de revistas científicas internacionais. FOTO: Santi Alvite
Os resultados da investigación que Sergio Vila Tojo desenvolveu na USC constitúen “unha ferramenta imprescindible para que gobernos e empresas promovan esta solución tecnolóxica ante os problemas de escaseza de auga e alimentos”
Santiago de Compostela

O traballo desenvolvido na USC polo psicólogo social Sergio Vila Tojo busca entender as motivacións das persoas para aceptar ou rexeitar a reutilización de augas residuais. A través de enquisas e grupos de discusión, o investigador identificou cinco factores psicolóxicos relevantes que inciden na aceptación pública desta solución tecnolóxica e que permiten acadar unha maior comprensión do proceso psicolóxico subxacente que conduce cara á devandita aceptación. Os resultados acadados nesta tese doutoral constitúen “unha ferramenta imprescindible para que gobernos e empresas promovan esta solución tecnolóxica”, explica Vila Tojo.

“A escaseza de auga e de alimentos derivadas do cambio climático son un problema en crecemento, que xa afecta a un número importante de países”, continúa a relatar o investigador. A reutilización de augas residuais pode servir de solución a esta problemática dado que permite reciclar a auga para finalidades como o regadío de cultivos ou tirar da cisterna, as como empregar o fósforo contido para elaborar fertilizantes. “Pese as vantaxes e seguridade desta solución tecnolóxica, a poboación manifesta importantes reticencias ata o punto de que algúns proxectos se vexan paralizados pola oposición cidadá”, sinala Vila Tojo.

Cinco factores

O primeiro dos factores psicolóxicos identificados no marco desta tese apunta cara ao diagnóstico do problema ambiental, é dicir, a ameaza que perciben as persoas sobre a escaseza e a quen lle atribúen a responsabilidade desa situación. En segundo lugar, a percepción da solución que abarca os riscos, costes e beneficios percibidos da reutilización das augas residuais e a confianza depositada na comunidade científica. En terceiro lugar, froito desas percepcións, desencadearanse reaccións emocionais como o orgullo, que facilitará a aceptación, ou como o noxo, vinculado ao rexeitamento.

En cuarto lugar, constatouse a relevancia da influencia social. “As persoas somos sensibles a distintas fontes informativas (como a ciencia) e normativas (como a opinión da maioría) que regulan a nosa forma de pensar e comportarnos”, matiza o investigador. Por último, destácase a importancia da influencia axiolóxica. “A defensa da natureza como un valor central da nosa identidade pode axudar a que as persoas perciban a reutilización da auga como unha solución ambiental eticamente aceptable”, afirma Vila Tojo. Nese caso desencadearase un sentido de obriga moral a aceptar o seu uso.

“Os achados da tese recordan que a tecnoloxía pode estar deseñada para servir a sociedade, pero a sociedade debe percibir que esa é a súa función”, sinala o investigador. Neste sentido, é preciso incorporar á cidadanía no proceso de toma de decisións dende o inicio “o que facilitará a creación de marcos compartidos sobre a problemática ambiental e a súa solución”, engade.

Run4Life

A tese titulada A reutilización de augas residuais: factores psicolóxicos para a súa aceptación pública, pertencente ao programa de doutoramento Procesos Psicolóxicos e Comportamento Social da USC, desenvolveuse no marco do proxecto Europeo Run4Life financiado polo programa Horizonte 2020: "O proxecto busca estratexias para mellorar a recuperación de recursos das augas residuais, utilizando un enfoque descentralizado no que as augas negras (augas residuais dos inodoros), as augas grises (outras augas residuais domésticas) e os residuos orgánicos da cociña, recóllense por separado", sinalan dende o proxecto.

A investigación doutoral viuse reflectida en varias publicacións de revistas científicas internacionais como Water Research ou IJERPH, así como en comunicacións de congresos internacionais organizados por sociedades científicas, tales como a Sociedad Científica Española de Psicología Social (SCEPS), a International Association for People-Environment Studies (IAPS) ou a International Water Association (IWA). Dentro das actividades da súa tese, Sergio Vila Tojo, tamén levou a cabo colaboracións con outros centros de investigación internacionais como o Centre for Climate Change and Social Transformations do Reino Unido (CAST).

Este traballo, de carácter interdisciplinario, desenvolveuse no  Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), dentro do grupo de investigación Comportamento Social e Psicometría Aplicada (COSOYPA). A tese foi dirixido polos profesores José Manuel Sabucedo Cameselle e Elena María Andrade Fernández, os dous pertencentes ao Departamento de Psicoloxía social, Básica e Metodoloxía.

Sergio Vila Tojo é o autor da tese
Sergio Vila Tojo é o autor da tese
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2022.