Ir o contido principal

A Facultade de Relacións Laborais e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense retoman o premio Javier Marañón

A Facultade de Relacións Laborais e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense retoman o premio Javier Marañón
A Facultade de Relacións Laborais e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense retoman o premio Javier Marañón
A USC e a organización colexial asinaron un acordo marco para a organización conxunta de actividades culturais, científicas, pedagóxicas ou de investigación

O reitor Juan Casares e a presidenta do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Susana Soneira Lema, asinaron este xoves 13 un convenio marco de colaboración para desenvolver de xeito conxunto actividades culturais, científicas, pedagóxicas ou de investigación, entre outras. O acordo permitirá que o alumnado da Facultade de Relacións Laborais poida acceder a cursos de formación avanzados ao tempo que este centro se converterá en lugar de referencia para graduados/as en exercicio. O Colexio fomentará entre os seus colexiados a oferta de prácticas para o alumnado da Facultade e apoiará a creación dun premio concedido ao mellor expediente académico permitíndolle a colexiación con exención do pago das cotas de incorporación e mensuais durante un ano. Ademais, a Facultade poderá contar coa colaboración do Colexio para participar naquelas xornadas ou actividades dedicadas á divulgación das saídas profesionais e para facilitar o acceso do alumnado ao mundo laboral. Premio Javier Marañón En virtude do documento asinado, a organización colexial patrocinará o premio anual ‘Javier Marañón’, recuperando un galardón que toma o seu nome de quen fora director da antiga Escola Social no momento da súa incorporación á USC como Escola Universitaria de Graduado Social. Con esta iniciativa preténdese honrar a memoria do docente, a quen tamén se dedica unha aula da Facultade, e recuperar un galardón para un/unha estudante excepcional polos seus valores humanos e académicos. O actual Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos é herdeiro dunha titulación cunha longa tradición, Graduado Social, que se impartía na Escola Social en Santiago dende a década dos anos corenta do século pasado. A titulación homologouse a comezos dos oitenta como titulación universitaria e, xa nos anos noventa a antiga Escola Social integrouse na USC coa denominación de Escola Universitaria de Graduado Social, para pasar a denominarse posteriormente Escola Universitaria de Relacións Laborais e, na actualidade, Facultade de Relacións Laborais. A colaboración entre este centro universitario e o Colexio Oficial de Graduados Sociais segue unha longa traxectoria que se materializaba nun abundante abano de actividades como charlas, conferencias, bolsas, visitas, xornadas ou oferta de prácticas para o alumnado, entre outros. O convenio asinado este xoves establece un marco formal que regule esta a colaboración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2014.