Ir o contido principal

A Feira de Emprendedoras pon o peche a unha semana de reflexión arredor da economía circular

Esta quinta edición lévase a cabo no marco dos principios da Axenda Urbana 2030. FOTO: Santi Alvite
Esta quinta edición lévase a cabo no marco dos principios da Axenda Urbana 2030. FOTO: Santi Alvite
A directora de Woman Emprende destaca que “o emprendemento universitario vese máis cerca da economía feminista e da economía circular que doutros modelos de emprendemento tecnolóxico”
Santiago de Compostela

“O emprendemento universitario vese máis cerca da economía feminista e da economía circular que doutros modelos de emprendemento tecnolóxico”. Esta é, en palabras da directora de Woman Emprende, Eva López Barrio, unha das principais conclusións que se poden extraer da semana que a USC acaba de dedicar á economía circular e que ten como colofón, este venres 27, a quinta edición da Feira de Emprendedoras de Compostela no Centro Sociocultural O Ensanche. Ademais de López Barrio, participaron no acto inaugural o delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, e a primeira tenenta de alcaldesa do Concello de Santiago, María Rozas.

Esta quinta edición lévase a cabo no marco dos principios da Axenda Urbana 2030 e céntrase no debate sobre un modelo económico pensado “por e para as persoas”, tal e como apuntan dende a organización. A Feira amosa produtos baseados nun modelo de Economía Circular e conta en quenda de tarde con obradoiros gratuítos de creación de servizos e produtos de deseño. A feira pode seguirse en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende.

Encontro e premios

“Esta foi unha semana ateigada de conversas entre empresas e xente que está empezando”, explicou Eva López Barrio en referencia ao Encontro Universidade-Empresa sobre Economía Circular co que se fomentou o diálogo entre empresas e entidades con estudantado e persoal investigador especialista nesta materia. A iniciativa impulsada por USC, Concello de Santiago e o Grupo de Traballo de Economía Circular WAS (Woman Action Sustainability) permitiu que o alumnado achegase, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a súa visión e aplicase os seus coñecementos a retos reais.

En concreto, nove empresas e entidades expuxeron outros tantos retos relacionados coa súa actividade e vinculados á Economía Circular para que o estudantado puidese achegar a súa particular ollada. Entregáronse dous premios económicos para os/as gañadores/as de 700 euros para o primeiro premio e 300 para o segundo. O equipo vencedor (SUF) estivo integrado por Rubén Peña Boch, Juan Maceira Franco, Nicolás Torrado Rodríguez e Pablo Castro Pose; mentres que o segundo posto recaeu no equipo Recycling Power, integrado por Ainhoa Echevarría Óliver, Alba Fernández Castro e Natalia Fernández Castro. En total, na actividade participou máis dun cento de persoas.

De esquerda a dereita, Carme Casado, Luis Otero, María Rozas, Eva López e Gumersindo Feijoo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Carme Casado, Luis Otero, María Rozas, Eva López e Gumersindo Feijoo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2023.