O Festival Amal busca entre o estudantado da USC a integrantes do xurado de preselección da súa próxima edición
O Festival de Cinema Euroárabe Amal convoca a un concurso para incorporar un estudante universitario ao xurado de preselección da súa novena edición, que se celebrará en outubro de 2011. A convocatoria está aberta a todo o alumnado da USC, para o que as persoas interesadas deberán remitir o seu currículo e unha breve carta de motivacións a amal [at] araguaney.com (amal[at]araguaney[dot]com) antes do 15 de xaneiro. É imprescindible contar con coñecementos de inglés e francés. As funcións do xurado de preselección consisten en visionar todo o material recibido, valoralo e puntualo, achegando unha opinión que será decisiva para decidir que películas competirán dentro da Sección Oficial de Amal 2011. Con esta iniciativa, Amal abre a porta ás opinións, visións e preferencias dos máis novos, coa intención de converter o Festival nun evento aínda máis plural e participativo.