Ir o contido principal

Filoloxía revisita o legado do SEG no volume ‘As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe’

Alejandra Ulla é a coordinadora do volume. FOTO: Santi Alvite
Alejandra Ulla é a coordinadora do volume. FOTO: Santi Alvite
A obra editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC recupera a filosofía do Seminario “situando Galicia como eixo de estudo”, explicou o reitor Antonio López
Santiago de Compostela

Un equipo de persoal investigador revisita, cen anos despois da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), o labor daquela mocidade que en 1923 puxo “os alicerces dunha construción, cultural e científica, monumental”. Este é o cometido da obra As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que se presentou este luns 27 no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. O SEG pretendía atender diversos campos do saber que non eran obxecto de estudo como materia galega na universidade, tanto dende o punto de vista investigador como formativo e divulgador. Estas páxinas avalían, precisamente, o estado actual das disciplinas que constituíron as diferentes seccións integradas no SEG. O libro é o resultado das xornadas de investigación que Filoloxía organizou no mes de outubro para ofrecer un balance das devanditas disciplinas a través da mirada do estudantado de doutoramento da USC.

Na presentación desta obra, o reitor Antonio López agradeceu un traballo que recupera a filosofía do Seminario de Estudos Galegos e o achega ao público máis novo, “situando Galicia como eixo de estudo con absoluta normalidade”, se ben esta situación —lembrou— é resultado dunha traxectoria longa e de esforzo colectivo. O reitor alentou o equipo promotor do libro a seguir traballando na procura dunha mellora continuada dos logros xa alcanzados e particularmente da perspectiva galega.

O volume As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe remarca a importancia de recuperar a vocación de intervir dende a Universidade, afirmou Helena Martínez Cabrera en representación do equipo de persoal investigador implicado no desenvolvemento do seminario e do correspondente volume. O traballo desenvolvido permitiu conectar distintas disciplinas e ir máis alá dos espazos propios de intervención de cada unha das persoas especialistas que participaron para definir liñas compartidas, engadiu Lúa Blanca Garea Garrido.

Esta transversalidade é un dos sinais de identidade do traballo presentado xunto coa súa vocación de transferencia do eido investigador cara á sociedade, remarcou no acto o decano da Facultade de Filoloxía Elias J. Feijó Torres. Como engadiu, a publicación deste volume permite avanzar na edificación dunha idea de Seminario de Estudos Galegos que poida ter continuidade con periodicidade anual e posibilite profundar “nos estudos de Galicia, pero tamén nos realizados dende Galicia” sobre calquera outra disciplina. Deste xeito afóndase nunha mellor comprensión das distintas formas nas que se manifesta a cultura galega, engadiu a vicedecana do centro e coordinadora do volume Alejandra Ulla Lorenzo.
 

Foto de familia do reitor xunto ao equipo decanal e representantes da autoría do volume. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia do reitor xunto ao equipo decanal e representantes da autoría do volume. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2023.