Ir o contido principal

Filosofía abordará os ‘Camiños do pensamento’ nun simposio internacional que terá lugar entre o 7 e o 9 de novembro

De esquerda a dereita, Carolo, Agís, Takahashi e Barcia, coa fotografía do premiado en primeiro termo. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Carolo, Agís, Takahashi e Barcia, coa fotografía do premiado en primeiro termo. Foto: Santi Alvite
No foro farase entrega do II Premio Sapientia a Acilio da Silva Estanqueiro Rocha, profesor emérito da Universidade do Minho, pola súa traxectoria filosófica
Santiago de Compostela

Docentes de Europa, América e Xapón, así como profesorado de ensino medio daranse cita entre os días 7 e 9 de novembro, na Facultade de Filosofía da USC, no marco do primeiro simposio internacional ‘Camiños do pensamento’. Así o anunciou este mércores o decano do centro Marcelino Agís, presidente do comité organizador, no acto de presentación deste foro en cuxa derradeira xornada se fará entrega do II Premio Sapientia á traxectoria polo seu traballo filosófico, a Acilio da Silva Estanqueiro Rocha, profesor emérito e ex vicerreitor da Universidade do Minho.

Estanqueiro Rocha ten colaborado coa Facultade de Filosofía da USC e con diferentes grupos de investigación na posta en marcha dos encontros Luso-Galaicos e ten participado en distintos Encontros Internacionais organizados pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA). Nacida no ano 2017, esta distinción recoñece a traxectoria dunha persoa que ten destacado polo seu traballo filosófico, recaendo na primeira edición na figura do filósofo compostelán Carlos Baliñas Fernández. O premio, outorgado por un xurado internacional, consta dun diploma acreditativo, unha figura de cerámica alusiva á Filosofía e a edición dun libro-homenaxe ao premiado.

Programa

Este simposio internacional estará estruturado en cinco paneis, cada un deles organizado por unha das sociedades científicas implicadas na organización. Ademais da SIFA, impulsan o foro a Sociedade de Filosofía da Eurorregião Galiza Norte de Portugal, a Sociedade Galega de Estudos Nipóns e o Grupo Aletheia, todo baixo a coordinación da Facultade de Filosofía.

Pensando a utopía, humanos e natureza no Antropoceno, os camiños do pensamento oriental, encrucilladas e desafíos do pensamento científico, así como a filosofía en Galicia serán as cinco temáticas abordadas neste simposio, o cal foi concibido no marco das accións de mellora da Facultade de Filosofía para complementar as actividades docentes dos seus títulos oficiais de grao e máster, así como para ofrecer un espazo de contacto coa filosofía viva a estudantes de doutoramento e profesorado.

Ademais, o foro contará con distintas actividades complementarias como o concerto xacobeo de Manoele de Felisa o 7 de novembro; visitas ao Pórtico da Gloria e ao Hostal dos Reis Católicos, os días 8 e 9; así como un acto intercultural no Monte do Gozo o 10 de novembro.

A filosofía en Galicia

Este simposio está orientado tamén ao profesorado de Filosofía de ensino medio e conta coa consideración de curso de formación permanente da Xunta de Galicia. Neste senso, na mesa redonda do día 9, intervirán as profesoras Eva Garea Traba do IES Arcebispo Xelmírez I, Santiago e Mª Carmen Rei Sobral do IES Arcebispo Xelmírez II, Santiago. Nesta ligazón pode accederse ao programa e formulario de matrícula.

Na rolda de prensa de presentación tamén tomaron parte o vicedecano F. Javier Barcia González, Minako Takahashi, vicepresidenta da Sociedade Galega de Estudos Nipóns, e Rocío Carolo Tosar, vocal da SIFA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.