Ir o contido principal

Parte do fondo artístico da RSEAPS móstrase con carácter permanente en Xeografía e Historia

Parte do fondo artístico da RSEAPS móstrase con carácter permanente en Xeografía e Historia
Parte do fondo artístico da RSEAPS móstrase con carácter permanente en Xeografía e Historia

A Facultade de Xeografía e Historia acolle unha parte significativa dos fondos histórico-artísticos da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (RSEAPS) para favorecer a súa posta en valor e divulgación pública: vinte e sete cadros, tres columnas escultóricas e unha vitrina con dúas bandeiras.

A recepción e acollida das obras de arte fíxose a través da sinatura do contrato de acomodato que formalizaron este xoves o reitor, Juan Viaño, e o presidente da RSEAPS, Juan Bautista de La Salle, nun acto no que tamén participaron o decano da facultade anfitrioa, Francisco Durán, e o profesor da USC e membro da RSEAPS, José Manuel García Iglesias. Entre o público, no Paraninfo da Universidade estaban a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, representantes da Cámara de Comercio, membros da RSEAPS, persoal do Servizo de Cultura da USC e un nutrido grupo de profesores da Facultade de Xeografía e Historia.

A maior parte dos fondo son retratos de persoeiros vinculados á vida social, cultural, económica, política e universitaria de Santiago e, moitos deles, directores da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, fundada en 1784. A exposición destes retratos, no claustro do primeiro andar da Facultade, serven para dar a coñecer unha parte da historia de Compostela. É, en palabras de José Manuel García Iglesias, “un acto de recuperación da memoria”.

Na Universidade quedan depositados, pois, sete retratos da autoría de Fenollera, dous de Mariano Tito Vázquez, outros tantos de Elvira Santiso, once de autor descoñecido e obras de María Consuelo Gil de la Peña, José Alarcón, Isidoro Brocos, Miranda e M. Fernández. No andar baixo poderán contemplarse as réplicas en cemento de tres columnas escultóricas con apostolado do antigo altar da igrexa de San Paio de Antealtares, da autoría de Jesús Landeira Iglesias, profesor da Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, e realizadas no curso 1922-1923. Na biblioteca da Facultade queda exposta unha vitrina con dúas bandeiras dos Exploradores de España, asociación xuvenil creada en 1912 por Teodoro Irader, co obxectivo de fomentar na xuventude a educación, a practica deportiva, e a moral cívica.

Como manifestou o reitor, “que inauguremos esta galería precisamente na sede orixinaria da Real Universidade, ten o seu propio valor simbólico xa que a profunda remodelación a que foi sometido este edificio a comezos do século XX foi promovido por don Eugenio Montero Ríos, prócer moi vinculado tamén á Real Sociedade de Amigos do País”.

O decano da Facultade, Francisco Durán tivo palabras de agradecemento para RSEAPS, e máis concretamente para a súa xunta directiva, por confiar ao persoal do centro universitario o coidado destes fondos, que “se converterán en instrumento para o estudo da historia de Compostela”. Pola súa banda, o presidente da RSEAPS tamén se referiu ao cometido divulgativo deste patrimonio artístico, para “dar a coñecer, dende este lugar privilexiado, a riqueza do noso pasado”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2017.