Ir o contido principal

Un foro científico da SEEP reivindica a valorización de pastos e forraxes para sortear a crise de prezos do sector agrogandeiro

Roig, Piñeiro, Bueno, Vázquez e Báez, na apertura da reunión cienfíca da SEEP na Escola Politécnica Superior de Lugo
Roig, Piñeiro, Bueno, Vázquez e Báez, na apertura da reunión cienfíca da SEEP na Escola Politécnica Superior de Lugo
O vicerreitor Javier Bueno e a conselleira Ángeles Vázquez inauguran un foro sobre innovación sustentable en pastos que cita uns 90 participantes no Campus Terra

A 55 reunión científica da Sociedade Española para o Estudo dos Pastos (SEEP), un foro que reúne desde este martes na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC uns 90 participantes e no que están representadas 14 universidades públicas españolas e mexicanas, ademais de 16 centros e institutos de investigación, reivindica a valorización de pastos e forraxes como unha alternativa para sortear a crise de prezos que afecta ao sector agrogandeiro.

Galicia perdeu o 25% da superficie agraria activa nas últimas décadas, segundo recolle un informe elaborado polo Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC, salientou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, na inauguración deste foro científico, para logo engadir que fronte á situación que se está a rexistrar en Galicia outros países europeos están a apostar decididamente pola innovación e a mellorar de pastos e de forraxes para mellorar os rendementos económicos do sector, ademais de para frear os efectos que depara o cambio climático. A conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto, a presidenta da Sociedade Española para o Estudo de Pastos, Sonia Roig; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, e a presidenta do comité organizador desta 55 reunión científica da SEEP, María Dolores Báez, que completaron a mesa de autoridades encargada de dar a benvida a todos os congresistas inscritos, coincidiron en salientar a importancia dos pastos para a conservación da biodiversidade e da riqueza paisaxística, ademais de facer fincapé na súa relevancia en aras a mellorar os rendementos económicos do sector agrogandeiro e a avanzar cara prácticas sustentables. Ángeles Vázquez remarcou na súa intervención o importante cometido que está a desenvolver neste ámbtio en Galicia o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), ao tempo que tamén se referiu aos restantes centros e servizos dependentes da Xunta de Galicia que están a traballar a prol do medio rural, no que “os pastos teñen unha importancia capital”, dixo. Os obxectivos desta reunión científica, que estará estruturada en catro sesións temáticas: Botánica, Produción Vexetal, Produción Animal e Sistemas e Recursos Silvopastorís, pasan por coordinar e centrar os últimos traballos relacionados coas prácticas e innovacións en pastos que contribúen ao desenvolvemento sustentable dos sistemas agrogandeiros. Os retos aos que se enfronta a agricultura, tales como o son a conservación da biodiversidade ou o desenvolvemento de boas prácticas que axuden a mitigar o cambio climático son cuestións que tamén figuran no programa dunha reunión científica cuxos participantes se desprazarán durante a xornada do mércores á sede do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña). O xoves está prevista a realización de dúas visitas técnicas a dous enclaves da provincia de Lugo. As sesións expositivas de relatorios e análise e debate das máis de 60 comunicacións presentadas a esta 55 reunión científica da Sociedade Española para o Estudo de Pastos rematarán o venres, en quenda de mañá, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2016.