Ir o contido principal

FSC España celebra unha xornada sobre certificación forestal na EPS de Enxeñaría como preludio da asamblea anual deste xoves

De esquerda a dereita, Cuesta, Anand Punja e Fernández, na apertura da xornada de FSC España na EPS de Enxeñaría
De esquerda a dereita, Cuesta, Anand Punja e Fernández, na apertura da xornada de FSC España na EPS de Enxeñaría

A sección española Consello de Certificación Forestal, unha entidade máis coñecida polas súas siglas en inglés (Forest Stewardship Council) FSC, celebrou este mércores unha xornada informativa na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, que acollerá este xoves 13 de xuño, a partir das 10.00 horas, a súa asemblea anual.

O presidente de FSC España, Javier Fernández Candela; o director para Europa de FSC Internacional, Anand Punja, e o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, inauguraron esta sesión formativa e de divulgación arredor da certificación forestal e no marco da que a directora técnica de FSC, Silvia Martínez, e a Pogram Manager Forest Management de FSC Internacional, María Melero, ofreceron ampla información sobre a certificación dos servizos ecosistémicos coa participación e Ceganor, Asefor & Tenzas, así como respecto da Innovación dixital na FSC para a verificación das transaccións: blockchain programa Falcon. A nova política de pesticidas e os novos estándares nacionais de xestión forestal centraron outros dos temas abordados por estas dúas relatoras.

As acción de comunicación desenvolvidas por FSC a prol da certificación forestal e tamén cara a promoción do uso da madeira en edificación foron outros dos aspectos tratados neste foro da man de técnicos e profesionais de FSC España, que tamén aproveitaron esta xornada para presentar o vídeo do programa ‘Have a Wood Day’, unha iniciativa que conta con financiamento do Mapa e que está orientada á promoción do uso da madeira na edificación.

A sesión matinal desta xornada organizada por FSC España no campus de Lugo en colaboración co profesor da EPS de Enxeñaría Alberto Rojo Alboreca rematou cunha sesión técnica e de proxectos, na que participaron como relatores os xestores técnicos Marcos Estévez e Segundo Rodríguez, e a directora técnica de FSC, Silvia Martínez.

Xa en quenda de tarde, as persoas que toman parte nesta actividade de FSC España puideron realizar visitas guiadas a montes e empresas da provincia que contan con certificación FSC. O percorrido programado pola organización inclúe visitas ao monte vecinal en man común de Carballo, no concello de Friol, e a un aserradoiro e a plantacións de pino e eucalipto de micropropiedades forestais representativas de particulares en Guitiriz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2019.