O fume ambiental do tabaco inhalado no período posnatal incrementa o risco de obesidade aos doce anos
A exposición ao fume ambiental de tabaco durante os primeiros anos de vida aumenta nun 75% o risco de sobrepeso ou de obesidade aos doce anos. Así o conclúe un estudo que acaba de publicarse na revista Obesity e que é froito do traballo dun equipo investigador da USC e da universidade estadounidense de Brown. O estudo evidencia como a exposición posnatal asóciase con maior peso, masa graxa, circunferencia de cintura, graxa visceral, graxa androide e, particularmente, con maior índice de masa corporal e masa magra aos 12 anos.
“A exposición ao fume ambiental de tabaco durante o período posnatal podería ter unha maior influencia na composición corporal dos adolescentes, en comparación co período prenatal”, explica a investigadora Nerea Mouriño Castro, primeira asinante do artigo e cuxa tese de doutoramento, con mención internacional e que será defendida proximamente na USC, fornece os resultados da investigación que acaba de ver a luz. O traballo constitúe un estudo realizado con datos dunha cohorte prospectiva estadounidense, The Health Outcomes and Measures of the Environment (HOME) Study. Este tipo de estudo pode definirse como o seguimento a un grupo de individuos que comparten múltiples aspectos pero que se diferencian en certas características. Así, esta cohorte iniciou o recrutamento de mulleres embarazadas no ano 2003 e, dende entón, continuou co seu seguimento e o dos seus fillos para valorar os efectos na saúde, durante a infancia e adolescencia, derivados da exposición pre- e posnatal a diferentes tóxicos ambientais, entre eles, o fume ambiental de tabaco.
Diferenzas por sexo
O obxectivo do estudo foi examinar a influencia da exposición a este tipo de fume durante o embarazo e ao longo dos primeiros catro anos de vida, respectivamente, na composición corporal aos doce anos de idade, valorando ao mesmo tempo posibles modificacións do efecto segundo o período de exposición e o sexo dos adolescentes.
O equipo botou man de modelos de informantes múltiples axustados por características sociodemográficas, antropométricas e estilos de vida das nais e fillos. “A exposición posnatal ao fume de tabaco podería alterar a composición corporal dos adolescentes de forma específica para cada sexo”, apunta a investigadora. De feito, ao considerar o sexo dos adolescentes, a exposición posnatal asóciase, de acordo co estudo, cun maior aumento de masa graxa e graxa visceral entre as nenas, en comparación cos nenos.
Problema de saúde pública
“Futuros estudos de cohortes deberían determinar se a exposición ao fume de tabaco durante as primeiras etapas da vida asóciase con outros marcadores de risco cardiometabólico e co risco de padecer enfermidades cardiovasculares máis adiante na adultez”, matiza a investigadora. “Este estudo reforza a necesidade de intervencións de saúde pública encamiñadas a diminuír a exposición ao fume de tabaco entre os nenos, tanto durante o embarazo como despois do nacemento”, conclúe.
O traballo foi dirixido pola profesora Mónica Pérez Ríos da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e coordinadora do grupo de Tabaco da Sociedade Española de Epidemioloxía, e polo profesor Joseph M. Braun do departamento de Epidemioloxía da Universidade de Brown. O traballo enmárcase na liña de traballo da profesora Pérez Ríos sobre os efectos do tabaco na saúde.