Ir o contido principal

A Fundación Iberdrola concede un proxecto a investigadores de economía aplicada da USC

Pedro Varela Vázquez e Carmela Sánchez Carreira
Pedro Varela Vázquez e Carmela Sánchez Carreira
Traballarán na cuantificación económica do efecto potencial da eólica mariña en España

Os investigadores de Economía Aplicada da USC Pedro Varela Vázquez e Carmela Sánchez Carreira acaban de ser seleccionados pola Fundación Iberdrola España para desenvolver o seu proxecto de investigación ‘Impacto socioeconómico da enerxía eólica mariña en España’ no marco dunha nova convocatoria de axudas á investigación en enerxía e medio ambiente. O acto de entrega das axudas terá lugar o próximo 9 de xullo baixo a presidencia dos reis de España. Os partícipes no proxecto pertencen ao grupo de investigación de referencia competitiva Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento da USC (ICEDE) dedicado á análise da innovación. Ambos investigadores teñen diversas publicacións en revistas prestixiosas a nivel internacional e estatal sobre o impacto económico da enerxía eólica e as políticas de promoción de sectores eólicos en contextos periféricos. Os dous investigadores da USC realizaron ademais estadías no prestixioso grupo IKE da Universidade de Aalborg (Dinamarca) especializado no estudo da innovación, con especial interese nas enerxías renovables. O proxecto de investigación concedido por Iberdrola centrarase na cuantificación do potencial impacto económico en España da difusión da eólica mariña, en función de diferentes horizontes de desenvolvemento desta tecnoloxía renovable. Asemade, permitirá coñecer as capacidades produtivas do tecido empresarial español para fornecer de compoñentes e servizos os parques eólicos mariños que se instalen a nivel estatal. Deste modo, explican os investigadores da USC, coñecer as potencialidades económicas do sector “facilitará a toma de decisións no eido público e privado e a promoción do debate na sociedade sobre as vantaxes e desvantaxes da eólica mariña, que posúe un gran potencial en España grazas aos avances tecnolóxicos que permiten este tipo de instalacións en augas profundas cun custo decrecente” . España, e en particular Galicia, están a recoller recentemente os froitos deste desenvolvemento a nivel europeo, aseguran.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2015.