Pasado e futuro dunha cultura termal en auxe

A profesora Raquel Casal García e a investigadora Silvia González Soutelo presentaron este mércores en Fonseca o libro Balnearios de Galicia. Orixe e desenvolvemento editado polo Servizo de Publicacións da USC na «Serie Galicia» da Biblioteca de Divulgación coa colaboración da Asociación galega de Balnearios. Nel achégase a historia e evolución dos balnearios en Galicia revisitando as súas orixes e convertendo o lector en testemuña do seu desenvolvemento e progresión ata a actualidade. O libro presentouse nun acto no que participaron, ademais das autoras, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo. Asisten tamén o director da Cátedra de Hidroloxía Médica, Juan J. Gestal Otero; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, e o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés. Todos eles coincidiron en destacar a variedade e calidade das augas galegas. Cura termal, hoxe indiscutible Dende as primeiras manifestacións do culto aos mananciais e as pegadas que, ao longo dos séculos, foron quedando do uso e explotación dos establecementos termais no mundo antigo, as autoras tenden unha ponte entre unha práctica milenaria e o termalismo e a balneoterapia do século XXI, en que se recupera o interese polas propiedades salutíferas dunhas augas únicas e dunhas instalacións privilexiadas, que constitúen un activo de enorme potencialidade en termos de atracción turística. Como explica no limiar o co director da recentemente creada Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, Juan J. Gestal Otero, a cura termal continúa a ser “indiscutible” como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos de evolución crónica moi prevalentes como as patoloxías do aparato locomotor, especialmente os reumatismos, ou en enfermidades da pel e do aparato respiratorio, aos que se lle foron sumando novas indicacións. Para o profesor de Medicina “ hoxe, sen dúbida, a cura termal é unha alternativa eficaz fronte a outros tratamentos e pode incluso ser máis eficaz, menos custosa e mellor tolerada”. O volume En nove capítulos o volume explica a diferenza entre os balnearios e os spa, a relevancia dos mananciais e os cultos e vinculacións máxico-relixiosas ás augas, os tipos de baños e prácticas na época romana así como os principais edificios de baños de augas mineromedicinais. Dedícaselle tamén un capítulo á evolución histórica dos balnearios na Idade Media ata chegar ao rexurdimento do termalismo a finais do XIX. Logo do declive a partires dos anos corenta documentado no libro chégase a un percorrido polos edificios e instalacións dos balnearios galegos na súa época dourada e a súa evolución ata o século XXI. As autoras Raquel Casal García é doutora en Historia pola USC e profesora de Arqueoloxía dende 1984 na mesma Universidade. Foi directora xeral de patrimonio histórico e da cultura da Xunta de Galicia entre 1983 e 1988, directora do Departamento de Historia I e dende 2007 coordina o grupo de investigación Arqueopat, Obradoiro de Arqueoloxía e Patrimonio. As súas principais liñas de investigación céntranse na arqueoloxía castrexa, romana e medieval, na protección e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e as artes plásticas castrexas e romanas. Silvia González Soutelo é doutora en Historia pola USC e graduada superior de Arqueoloxía pola Universidade de Barcelona. Na actualidade é investigadora contratada ‘Juan de la Cierva’ no Departamento de Ciencias da Antigüidade e da Idade Media da Universidade Autónoma de Barcelona. Ten participado en diversos proxectos arqueolóxicos nacionais e internacionais sobre os sistemas hidráulicos e as augas mineromedicinais na Antigüidade.